Será o 18F. Elección tras elección, a escolla vén sendo sempre a mesma: continuidade do Partido Popular ou oportunidade dun goberno de esquerdas. Os obxectivos persoais xogan un papel en calquera proceso electoral pero coido que neste que estamos prestos a vivir, esa influencia pode ser máis forte ca nunca.
Pola banda do Partido Popular, Rueda enfróntase a súa crucial reválida. En 2009 demostrou que sabe como facer para que outro gañe unhas eleccións, sen importarlle unha figa atacar con mentiras a lingua galega ou calumniar os contrincantes con falsidades e infamias. Durante o tempo no que leva de presidente, non pode amosar ningún mérito especial alén da típica administración continuísta de baixo perfil característica da Xunta de Galicia baixo dominio do PP. Así que Rueda limítase a facer aquilo que sempre lle deu mellor resultado ó seu partido: tornar os medios de comunicación en canles de propaganda, os públicos mediante o seu control total, os privados por medio de transferencias permanentes de fondos. O progreso de Galicia non é –nunca foi– un obxectivo; o obxectivo de Rueda é consolidar a súa figura e manter o dominio sobre as estruturas básicas de poder no país.
O Partido Popular intentará que o protagonista principal da campaña non sexa outro que Feijóo. Para Feijóo Galicia sempre foi un instrumento, un escenario dende o cal el puidese proxectar unha imaxe de “estadista” namentres agardaba a oportunidade de apousentarse en Madrid. A súa política, tantas veces contraria ao interese do país, non se pode entender sen ter en conta a súa ambición persoal de presidir un goberno conservador na capital do Reino. O feito de levar para Madrid os colaboradores galegos que consideraba máis aptos foi a última demostración. As eleccións galegas confirmarán esta pauta: Feijóo intentará trasladar a Galicia a suposta crispación contra a amnistía aos nacionalistas cataláns e consolidar a súa figura dentro do partido ante a permanente ameaza da caterva madrileña.
A posición do PSdeG non é tan diferente inda que os obxectivos si o sexan. O partido en Galicia transita desnortado dende os tempos de Touriño. Nin semella ter modelo para Galicia nin parece confiar nas súas propias forzas. Xa que logo, a cuestión a decidir volve ser se marcaren un perfil propio que poña por diante os intereses reais do país ou se subrogarse nos plans do PSOE de Pedro Sánchez e deixar que o presidente español tente facer a súa maxia tamén neste recuncho da península. A estratexia en materia enerxética pode ser unha boa liña a seguir; veremos se o PSdeG defende unha política enerxética con foco nas necesidades de Galicia, que sirva para nós dispoñermos de fontes próximas e eficientes a prezos convenientes, ou se aposta polo modelo centralizado de esquilmar o noso territorio para atender a demanda madrileña (de balde, por certo).
As eleccións suporán evidentemente unha oportunidade para Gómez Besteiro desas que poucas veces ocorren en política. Besteiro merece a oportunidade: puido ser un serio aspirante a liderar a Xunta e só escuras conspiracións político-xudiciais afastárono do obxectivo. Mais as posicións expresadas ata agora polo candidato socialista non permiten albiscar unha vontade real de aplicar estratexias propias para Galicia. As súas receitas soan a receitas coñecidas que contan co carimbo de inocuidade de Ferraz. En todo caso, a súa candidatura mellorou –cando menos nun principio– mellora a atmosfera cara a un posible goberno de coalición PSdeG-BNG ante a belixerancia amosada no pasado recente por González Formoso contra a formación nacionalista.
O BNG de Ana Pontón chegará ás eleccións nun momento doce e en pleno crecemento. O ambiente xeral é de optimismo e confianza após tantos anos de depresión. O proxecto aperturista, rigoroso e de cara amable da líder nacionalista recupera antigos apoios e atrae xente nova así como novos perfís. En Ana Pontón e no BNG concéntrase a mirada dos que aspiran a un triunfo da alternativa. E este factor dálle á convocatoria electoral o carácter de momento histórico que tanto pode supoñer a gran revelación do nacionalismo galego como a confirmación fatal da súa incapacidade para tornar expectativas en realidades.
A balanza entre dereita e esquerda basculará en función de detalles. E un detalle fundamental será o que faga o cada día máis estraño conglomerado que forman Sumar, Podemos, Mareas, Anova, etc. Descoñecemos os movementos que se están a producir e esperamos que o sentido común máis básico termine por impoñerse. Xa non é que estas forzas conflúan ou non; se trata de que a disgregación do voto o 18F pode supoñer a condena para as posibilidades da alternativa de esquerda e nacionalista. Velaquí unha hipótese perfectamente factible: a alternativa consigue máis votos cá dereita e perde novamente o goberno por culpa da disgregación.
Segundo as enquisas, e tamén polo que se deduce palpando o ambiente, Sumar –en solitario ou en coalición con algún dos potenciais socios anteriores– dificilmente acadará representación. Como moito, podería obter un deputado / unha deputada, non máis. As papeletas que queden sen aplicación serán votos restados a BNG ou PSdeG. Imaxinade a faciana dos políticos e políticas destas formacións, dos seus afiliados e simpatizantes, do conxunto das galegas e galegos que aspiran a un cambio político transcendente no país, se ao día seguinte das eleccións se constata que a vontade de cambio é maioritaria pero a matemática electoral volve outorgar a Xunta ao Partido Popular.
Novamente a resposta a esta eventualidade está na loita entre intereses colectivos e individuais. Yolanda Díaz necesita transformar unha iniciativa persoal nun proxecto con estrutura e mensaxe propio no conxunto do territorio español. Gómez Besteiro aspira a relanzar o PSdeG sen lastres nin estratexias de alto risco. Ana Pontón defende un BNG alleo a calquera movemento que non teña as súas raíces en Galicia. As vindeiras eleccións marcarán unha época. Os seus resultados definirán o que será o país posiblemente en dúas décadas. Pensen niso cando lle dean forma definitiva a súa candidatura. Que os intereses de Galicia estean por riba dos obxectivos privados, por favor.