As renuncias de Formoso

O líder dos socialistas galegos vén de conceder unha entrevista na que amosa as liñas da súa estratexia. O que di resulta alarmante para aqueles/as que aspiren a un futuro de progreso no país.

Por Marcelino Fdez. Mallo | A Coruña | 25/07/2022

Comparte esta noticia
Como secretario xeral dos socialistas galegos, Valentín González Formoso ten altas posibilidades de xogar un papel chave na Xunta que saia das vindeiras eleccións. El ten a oportunidade de rexenerar a imaxe degradada do seu partido tras demasiados anos de inacción e falta de lucidez. Se o fai con altura de miras, isto é, pensando no país antes que nos intereses de Ferraz ou na fortaleza actual do BNG, pódese abrir un tempo novo en Galicia após tanta frustración acumulada durante décadas. No caso contrario, continuaremos estancados na desidia, o desapego e a miniaturización. 
 
O xornal de máis tirada de Galicia vén de facerlle unha entrevista a González Formoso que parece deseñada para contribuír á próxima entronización de Rueda como capo da política galega, ao cal o líder dos socialistas galegos semella colaborar sen complexos. Nas súas declaracións, prescinde de calquera labor de oposición á Xunta do PP e concéntrase na descualificación do que habería ser o seu socio nun probable goberno após as vindeiras eleccións. Pregúntome polos obxectivos de Formoso e coido que hai dous que se poñen claramente de manifesto: reforzar a posición do goberno español de Pedro Sánchez e recuperar para o PSdeG o papel de segundo partido en Galicia mesmo a costa dun argumentario propio do século pasado. 
 
Serei honesto: a entrevista deixoume abraiado mesmo a pesar das advertencias dalgúns amigos, agora vexo que ben informados, sobre a posible deriva do PSdeG trala toma de mando por parte de González Formoso. O ton xeral resulta, cando menos, preocupante, e en concreto algúns aspectos dignos de salientar. 
 
Un, como xa avanzaba nos parágrafos anteriores, é o tratamento durísimo que lle dedica ao seu socio natural. A desmemoria resulta unha pésima receita en calquera ámbito pero máis en política. Formoso debería lembrar como os desacordos e descualificacións públicas entre os membros do bipartito constituíron o mellor argumento para atacar aquel goberno que puido representar o comezo dunha prolífica etapa para Galicia (estará pensando Formoso nunha futura alianza distinta?).
 
Outro aspecto é a subordinación cara ao goberno español e a súa renuncia real a calquera crítica malia a pomposa declaración inicial “por riba de todo están os intereses dos galegos” que axiña contradí nas seguintes respostas. Novamente Formoso ignora o pasado e non recoñece que boa parte da crise do PSdeG vén da carencia dun proxecto de país que afonde no autogoberno a partir dunha diagnose propia das eivas e problemas específicos de Galicia, e da falta dunha proposta baseada nun planteamento sen subordinación a outras perspectivas ou intereses. 
 
Quizais derivado do punto anterior, Formoso defende o indefendible: o modelo de implantación de enerxía eólica deseñado polo goberno central e a Xunta para os vindeiros anos (véxase artigo anterior ao respecto). Ese modelo so beneficia as grandes eléctricas e as Comunidades receptoras da enerxía (Madrid especialmente); enerxía de balde, por certo (Madrid non paga nada a Galicia pola electricidade que se produce aquí). Pola contra, Galicia vería esquilmado o seu medio natural e eliminada calquera opción de explotación agraria nas bisbarras afectadas. Por suposto que habemos potenciar a xeración de enerxía de fontes sostibles coma o vento, pero un modelo distribuído, xusto o contrario do que está previsto, achegaría a enerxía que necesitamos sen os problemas dramáticos que crearían os grandes polígonos en proxecto. 
 
Xa por último, para non facer isto demasiado longo, unha mención á lacra dos incendios. González Formoso di literalmente “Os lumes asolan Galicia con independencia de quen goberne” e a partir de aí lanza un ataque mordaz contra Ana Pontón, inda que sen mencionala. Ignorar a pésima estratexia do goberno do PP fronte aos lumes en Galicia supón un exercicio de irresponsabilidade política inaudita. Sorprende a aparente falta de información do líder dos socialistas galegos ao respecto ou ben as razóns polas que desbota facer unha crítica á unha xestión manifestamente deficiente. 
 
Tras unha segunda lectura da entrevista, un queda aínda máis consternado ao observar a xeira de renuncias que Formoso transmite nela: renuncia a facer oposición á Xunta do PP, renuncia a definir un perfil propio fronte ao PSOE central, renuncia a defender o país e o seu medio natural fronte ás grandes corporacións, renuncia a entenderse co seu aliado natural e renuncia, xa que logo, a colaborar activamente nun proxecto esperanzador para o pleno desenvolvemento das capacidades propias de Galicia. 
 

O secretario xeral do PSdeG, Valentín González Formoso, en declaracións aos medios. PSDEG
O secretario xeral do PSdeG, Valentín González Formoso, en declaracións aos medios. PSDEG
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Marcelino Fernández Mallo Economista coruñés con ampla traxectoria no sector financeiro galego e no mundo Internet. Colaborou con medios de distinta liña entre os que cabe salientar Vieiros, a Radio Galega e Xornal de Galicia. É autor das novelas Pallarega, A trenza ou Klásicos. Mantén o blog Atrenza.
@pallarego