A Xunta declara que non hai evidencias en Galicia da carne mechada que provocou o brote de listeriose

O Executivo galego subliña que os operadores comerciais "son os responsables de identificar os perigos dos alimentos que comercializan e adoptar as medidas de control necesarias para eliminalos ou reducilos a niveis aceptables para a saúde".

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 20/08/2019 | Actualizada ás 19:08

Comparte esta noticia

Non hai evidencias de que a carne mechada da marca 'La Mechá', que provocou o brote de listeriose en Andalucía, se comercializase na comunidade galega, segundo informou a Axencia Española de Seguridade Alimentaria e Nutrición á Xunta.

En calquera caso, a Consellería de Sanidade asegura que está "en permanente contacto" coa axencia a raíz do brote, a través da rede de alerta alimentaria, "que trasladou á Dirección Xeral de Saúde Pública que non hai evidencias de que o produto causante da intoxicación fose comercializado en Galicia".

A través dunha nota de prensa, subliña que os operadores comerciais "son os responsables de identificar os perigos dos alimentos que comercializan e adoptar as medidas de control necesarias para eliminalos ou reducilos a niveis aceptables para a saúde". Os servizos de inspección de Saúde Pública, pola súa banda, "son os encargados de verificar que os operadores comerciais cumpren coas súas obrigacións".

Respecto diso, apunta que isto "inclúe controis oficiais como as inspeccións, as auditorías e a mostraxe aleatoria dos alimentos e a súa análise", para comprobar que as empresas cumpren os requisitos legalmente establecidos. No caso contrario, indica que levan a cabo as medidas necesarias para que o fagan.

Así mesmo, explica que as verificacións se realizan a través das inspeccións que se fan dentro da execución do plan nacional de control da cadea alimentaria en Galicia. Este plan ten obxectivos xerais como comprobar que os alimentos que chegan á cidadanía son seguros e de calidade, así como a defensa dos dereitos dos consumidores e o cumprimento dos requisitos en materia de información alimentaria obrigatoria.

A ministra de Sanidade, Consumo e Benestar Social en funcións, María Luisa Carcedo - Europa Press
A ministra de Sanidade, Consumo e Benestar Social en funcións, María Luisa Carcedo - Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta