O Concello de Ourense agarda poder liquidar os pagos pendentes con empresas construtoras nun par de meses

O goberno local comprométese a dar continuidade ao convenio de 25.000 euros que mantén con Proxecto Home.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 22/08/2019 | Actualizada ás 16:40

Comparte esta noticia

O concelleiro de Infraestruturas de Ourense, Miguel Caride, explicou que o goberno local "espera" poder liquidar os pagos pendentes con empresas construtoras "nun prazo de dous meses". Ademais sinalou que os atrasos se deben a "problemas burocráticos" como "a falta de orzamento" e a necesidade de agardar a "a liquidación do exercicio anterior para incorporar o remanente".

Así respondeu á preocupación que o presidente da Asociación de Construtores de Ourense (ACO), Santiago Ferreiro, trasladoulle este xoves durante a reunión mantida na Alcaldía co alcalde de Ourense, Gonzalo Pérez Jácome, e o edil de Infraestruturas.  Durante o encontro, o presidente esta asociación tamén lle trasladou a súa "inquietude" ante "a parálise da obra pública". Neste sentido, Miguel Caride manifestou "a intención do actual goberno de pór en marcha un forte proceso de contratación nos próximos meses".

Así mesmo, os empresarios tamén se mostraron interesados en coñecer a situación na que se atopa o Plan Xeral de Ordenación Municipal (PXOM). No entanto, "deixaron claro que se pode traballar e resolver cuestións á marxe da PXOM", apuntou Miguel Caride.

Outra das problemáticas ás que se enfrontan os membros desta asociación é "a lentitude" na concesión de permisos e licenzas municipais, "algo que lastra moito o investimento", segundo apuntou Santiago Ferreiro. Por último, por parte das concellarías de Infraestruturas e Urbanismo comprometéronse a manter un contacto fluído co fin de "construír e desenvolver unha cidade cómoda e con futuro", remarcou Miguel Caride.

PROXECTO HOME

Por outra banda, o goberno local tamén se comprometeu a dar continuidade ao convenio de 25.000 euros que mantén con Proxecto Home, segundo manifestou este xoves o rexedor ourensán durante o seu encontro co director do Proxecto Home de Galicia, Ramón Gómez Crespo.

Así mesmo, o alcalde comprometeuse con implicarse nas diferentes solicitudes desta fundación, tales como a sinalización dos accesos ao centro de Guizamonde, lugar no que Proxecto Home ten a súa sede.

Durante o encontro, Gómez Crespo explicoulle os servizos que presta Proxecto Home. "O pasado ano atendemos a 160 persoas en Ourense; realizamos 87 ingresos no noso centro e 33 no módulo do cárcere de Pereiro de Aguiar", comentou o director de Proxecto Home.
Proxecto Home presta os seus servizos en Ourense desde o ano 1997, data desde a que atendeu a máis de 3.600 usuarios na provincia e 1.900 na cidade, con máis de 7.000 beneficiarios directos.

O alcalde de Ourense, Gonzalo Pérez Jácome, nunha entrevista con Europa Press.
O alcalde de Ourense, Gonzalo Pérez Jácome, nunha entrevista con Europa Press. | Fonte: EP

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta