O Sergas defende o contrato de continuidade en Enfermaría porque permite "estabilidade" e "conciliación"

Sanidade lembra que foi aceptado por varios sindicatos e non descarta ofertar máis

Por E.P. | VIGO | 22/08/2019 | Actualizada ás 18:16

Comparte esta noticia

O Sergas saíu ao paso das acusacións do colectivo 'Enfermeiras sen cadeas' de Vigo, que equipararon o contrato de continuidade que ofrece a administración coa "escravitude", e defendeu que dito contrato permite a "estabilidade" destas profesionais, e favorece a "conciliación".

Segundo trasladaron fontes de Sanidade, a extensión deste modelo ao persoal de enfermaría (antes ofreceuse ao persoal médico) foi aceptado polos sindicatos SATSE, UXT, CSIF e CESM-O'mega na comisión de seguimento do acordo do pasado 3 de xullo.

Sanidade defendeu que este contrato --que ten carácter voluntario-- ofrece un período de estabilidade laboral de entre 1 e 3 anos, e "permite unha fidelización dos recursos humanos dispoñibles", ademais de "favorecer a conciliación" de vida familiar e laboral.

O Sergas mantivo que, precisamente, esa estabilidade dá continuidade ao labor do profesional e mellora a calidade asistencial, á vez que "o seu ámbito funcional está definido": ou ben en Atención Primaria ou ben Especializada. "A unha enfermeira que está a traballar nun centro de saúde nunca se lle obrigará a facer garda nun hospital", apuntaron fontes do Sergas.

Sanidade prevé aplicar esta medida de forma "inmediata" e, aínda que inicialmente ofrecéronse 100 contratos de continuidade, sinalou que "poden ser máis". De feito, a Consellería asegurou que o modelo tivo "boa aceptación" entre os médicos e que xa se formalizaron nese caso 30 contratos. Por outra banda, o Sergas "non descarta a creación de novas prazas de enfermaría", e lembrou que o novo Plan Galego de Atención Primaria 2019-2021 contempla a creación de 130 prazas.

Enfermeiras nunha planta de pediatría
Enfermeiras nunha planta de pediatría | Fonte: consalud.com

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta