Temas: 112 061 ACCIDENTE

Ferido un traballador en Vedra ao ser golpeado polo bidón que soldaba nunha nave

Ao lugar o 061 desprazou un equipo sanitario do centro de saúde de Vedra e unha ambulancia asistencial que levou ao ferido, T.V.I., de 61 anos, ao Hospital Clínico en Santiago.

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 29/08/2019 | Actualizada ás 13:54

Comparte esta noticia

Un traballador dunha nave industrial de Vedra resultou ferido este xoves ao ser golpeado por un bidón mentres realizaba labores de soldadura no propio recipiente. Segundo informou o 112 Galicia, os feitos producíronse nun taller de reparación situado no interior do recinto no lugar de O Castro, sobre as 11,10 horas deste xoves.

Foi unha persoa particular quen alertou ao 112 Galicia do ocorrido e, despois de ter constancia, por parte do servizo de emerxencias púxose a situación en coñecemento de Urxencias Sanitarias de Galicia-061, da Garda Civil, dos Bombeiros de Ordes e de Santiago e da Agrupación de Voluntarios de Protección Civil de Vedra.

Ao lugar o 061 desprazou un equipo sanitario do centro de saúde de Vedra e unha ambulancia asistencial que levou ao ferido, T.V.I., de 61 anos, ao Hospital Clínico en Santiago, confirmaron a Europa Press fontes sanitarias.

CAÍDA DE TELLADO

Por outra banda, en Portomarín un operario foi atendido por efectivos de Urxencias Sanitarias de Galicia-061 ao caer dunha altura de catro metros desde o tellado dunha nave industrial ao chan.

Foi o persoal sanitario quen alertou dos feitos ao 112 Galicia sobre as 12,15 horas deste xoves e, acto seguido, por parte do CIAE 112 Galicia informouse do sucedido á Garda Civil, a Protección Civil de Portomarín e ao GES de Monterroso. Ao momento o 061 enviou unha ambulancia medializada que levou á persoa ferida ao Hospital Universitario Lucus Augusti (HULA) de Lugo, indicaron fontes sanitarias.

Temas: 112 061 ACCIDENTE
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta