O camiño da prevención, evitar o consumo de drogas en menores

A prevención é o paso fundamental para evitar que a maioría da xente nova consuma drogas. En Galicia os modelos de prevención non parecen estar dando bos resultados. O consumo de alcol e outras substancias seguen incrementándose e cada vez os e as consumidoras son máis novas.

Por Moncho Mariño | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 08/09/2019 | Actualizada ás 22:00

Comparte esta noticia

A prevalencia de modelos que incitan cara un tipo de ocio baseado en  consumo compulsivo de drogas (incluíndo alcol e tabaco), fan que a xente máis nova supere cotas de adicción superiores ás que había só unha década atrás. E mesmo as diferenzas xeracionais entre adictos e adictas deixan ver como evoluíron maneiras e perfís de consumidores.

Botellón, recurso
Botellón, recurso

As políticas de prevención realizadas ata día de hoxe non ofreceron uns resultados optimistas. A mocidade segue bebendo máis, segue fumando máis e, por se fora pouco, as drogas de “deseño” poden ser accesibles mesmo desde a rede. Pode ter solución? Estudos e expertos apuntan a que si pode haber, mais debería mudar todo o expectro de medidas preventivas, mudar as políticas educativas e incidir en que a grande parte da responsabilidade sobre os mozos e mozas está dentro das familias, non das institucións. 


NOVAS MANEIRAS

Hai décadas a figura do “enganchado” ou toxicómano era unha persoa que vivía, moitas veces, en áreas urbanas marxinais, posiblemente dentro dunha familia afectada polo desemprego sumado á desestructuración familiar. Mais hoxe en día, os mozos e mozas en idade escolar, incluíndo a E.S.O., e a formación profesional, non responderían a ese patrón de marxinalidade ou desestructuración familiar.

A imaxe cambiou co paso dos anos. “Non existe xa aquela relación dos anos oitenta e noventa, entre zonas deprimidas igual a zonas consumistas” di Fernando Lacaci, da Confederación de ANPAS Galegas. Se houbo unha ligazón semellante ata os anos noventa ou a primeira década do século XXI, os comportamentos observados desde as familias e desde as investigacións sobre hábitos da mocidade, indican que o patrón cambiou. “O nivel de consumo entre persoas máis novas é idéntico, mesmo en áreas de maior nivel económico non só se consumiría igual senón que pode estar aumentado”, di Lacaci.

Drogas vendidas través de redes sociais. POLICÍA NACIONAL
Drogas vendidas través de redes sociais. POLICÍA NACIONAL

En grande medida, o consumo actual e as súas consecuencias están ligadas, como xa se apuntou nunha reportaxe anterior, ao modelo de ocio que viven os máis novos.  “O modelo de ocio é moi uniforme dentro da adolescencia, a xente nova está na mesma disposición de aceptar ese tipo de ocio” apunta Lacaci. Aceptar ese tipo de ocio é que as maneiras de “divertirse” son transversais ás posicións socioeconómicas da mocidade.

Mesmo a percepción é que a xente nova parece estar dicindo que “controla” as substancias que consome, ao revés da figura do “ionqui”, persoa controlada pola adicción. “Outra cousa é a realidade física, que ves como se deterioran”. Deterioro físico, mais afecta tamén ao rendemento académico? “O mozo ou moza que embebeda a fin de semana, pode ser academicamente excelente, hai anos quen facía iso academicamente era un fracaso” di Lacaci.

CAUSAS

Unha das razóns apuntadas para o elevado consumo de substancas como o alcol é alta accesibilidade e o prezo barato comparado con outros países. Os expertos chaman ou resumen esa parte ambiental coas siglas E.C.O., Expectativa-Custe-Oportunidade. “Existe unha expectativa fundada na cabeza de mozos e mozas de saír e divertirse, para facelo tes que beber e drogarte porque senón non ligas, non hai sexo e non es o mellor” di Antonio Rial, psicólogo e profesor na USC, investigador sobre adiccións. “Coñecen o risco mais a eles compénsalles, minimizan a parte negativa, non moito porque son conscientes, sobreestiman o risco, como acabar con coma etílico e saír para o outro día do hospital”.

“Cando ías ao instituto xa podías fumar. Os mozos e mozas de agora van ao instituto con 12 anos, para moitos pais, mentalmente os seus fillos están no instituto, mais fisioloxicamente teñen doce anos” describe Manuel Isorna, psicólogo e tamén profesor na Universidade de Vigo. A diferencia de idade entre os mozos e mozas que acoden aos centros de ensino secundario é un factor clave. Os e as máis novas séntense presionados polo ambiente que “dominan” os maiores. “Estes dous anos de diferencia, de 12 a 14, canto antes comezan a consumir o dano no sistema límbico é demoledor, o dano a longo prazo é elevado”. E segundo Isorna, tanto ten que sexa tabaco, alcol ou calquera outra droga, o dano para o cerebro en adolescentes pode ter consencuencias graves.

Os patróns de consumo tamén están ligados á publicidade que os grandes medios van ofrecendo. Así como agora tamén se anuncian xogos online, sen límites aparentes para o acceso de menores. “As tres primeiras marcas de cervexa en España investiron en publicidade tres veces máis que todo o Plan Nacional sobre Drogas” destaca Antonio Rial. “Logo temos que se considera o viño un alimento, a cervexa un alimento, en definitiva, o alcol é un alimento? Non teño nada contra a produción de viño, mais hai que regular o consumo”.

Por outra parte, os dous investigadores apuntan os horarios como un factor máis de risco. “Xente de doce, trece ou catorce anos na rúa e bébedos, sós moitas veces, é un risco para a súa seguridade” sinala Isorna. “Aplicar as leis contra as concentracións para beber que fan mozos e mozas pode ser impopular e os políticos non queren arriscar votos” di Rial.


PREVENCIÓN

Existe prevención en Galicia, en España e en Europa, mais a diferencia entre modelos non explica o baixo rendemento dalgúns. Coñecendo o ambiente onde desenvolven as súas vídas os máis movos, sería posible evitar as altas cifras de consumo. Comezar primeiramente por coñecer o medioambiente familiar para ir ás raíces do problema. Implicar os pais na educación afectiva dos seus fillos, en pautas de comportamento. Isto forma parte dun modelo, o Modelo Islandés, citado, estudado e que se tenta implantar noutros lugares do mundo.

Hai vinte anos os islandeses estaban por diante en consumo de alcol en Europa, e en consumo de cannabis tamén. As autoridades fixeron un investimento en política de prevención e de implicación das familias, cun programa durante dúas décadas, metendo diñeiro en concienciación e publicidade para cambiaren o estilo de vida.

“O Modelo Islandés, parte dun paradigma, as persoas non son delincuentes porque non teñen oportunidade, mais consumen drogas porque si teñen oportunidade” apunta Manuel Isorna. “Incidiron sobre a protección do menor, ningún menor de 14 anos non pode estar só na rúa a partir das dez da noite en inverno e das doce en verán”.

“Son medidas impopulares, mais son efectivas, o toque de queda, ás once da noite un menor non pode estar só na rúa en inverno. Ese mozo ou moza terán pai e nai, e senón sancionan os pais. Tamén  hai escolas de pais e nais e é obrigatorio ir, con encontros en centros escolares” explica Antonio Rial.

O investimento final resultou de retirar todo tipo de publicidade sobre alcol e tabaco. Os centros educativos recibiron diñeiro público para aumentar as actividades extraescolares, algunhas obrigatorias, sobre todo deporte. A implicación dos pais e nais cada vez maior, con obrigatoriedade de asistir a talleres de intelixencia emocional. “Que fai teu fillo ou filla? Por que o fai? Que fas ti? Escoitas ao teu fillo ou filla?”. Os resultados, segundo as fontes consultadas son positivos.

PODE APLICARSE A GALICIA?

Islandia ten 300.000 habitantes, a maioría concentrados en núcleos urbanos. Cun número relativamente reducido de persoas e maioritariamente urbanitas, podería ser doado aplicar o modelo referenciado. Mais sería posible en Galicia? Máis de dous millóns e medio de persoas e cunha alta taxa de dispersión poboacional?

“Si que podemos facelo, en Galicia temos todas as competencias en Educación e Sanidade, non vale esa excusa, hai unha cidade como Tarragona que puxo en marcha este modelo” sinala Isorna. “Temos que educar os chavales en valores de vida, referentes válidos, sen recorrer ao que se ve sobre os comportamentos que emiten os medios sobre lugares de turismo” di Rial. En tal caso, se se aplicase o modelo de educación aos pais e nais, quen o faría? Os mestres e mestras, os profesores e profesoras? Os expertos consultados falan de persoal formado especificamente para estas tarefas. Talleres obrigatorios un día por semana.

Incidir sobre todo na prevención, no cambio de hábitos en mozos e mozas. Concienciar sobre a responsabilidade dos pais e nais que teñen cos seus fillos e fillas, establecer novas vías de ocio e facelas imprescindibles para o desenvolvemento da xente nova. E por último unha lexislación máis forte contra o consumo entre menores de idade, sobre todo entre os 12 e 18 anos, parecen ser as vías de mellora.

Droga incautada. GARDA CIVIL
Droga incautada. GARDA CIVIL
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 1 comentario

1 Viravento

Semella impopular falar disto, pero é un tema que cómpre solucionar canto antes porque estásenos a esvaer entre as mans... Moi interesante artigo, parabéns!