Reaccións ao paro: Os sindicatos din que é o maior incremento nun mes de agosto desde 2008

A Xunta presume de que Galicia é "a segunda comunidade na que máis baixa"

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 03/09/2019 | Actualizada ás 11:29

Comparte esta noticia

Sindicatos avisaron de que a comunidade galega rexistrou o maior incremento do paro rexistrado desde 2008 nun mes de agosto, por mor dos datos que publica este martes o Ministerio de Traballo, Migracións e Seguridade Social.

A través dun comunicado de prensa, a CIG advirte de que "a precariedade segue avanzando no mercado laboral en Galicia", posto que "a pesar de asinarse un elevadísimo número de contratos, na súa inmensa maioría temporais, destrúese emprego".

"Evidencia a precariedade, temporalidade e nefasta calidade do emprego. Está claro que coas mesmas políticas, temos os mesmos resultados e nada indica que o PSOE estea disposto a abandonar o camiño trazado polo PP", asegura o secretario confederal de emprego da central nacionalista, Fran Cartelle.

Pola súa banda, UXT critica tamén que "a precariedade e a rotación na contratación seguen sendo as carencias do mercado de traballo galego". "Diminúe a afiliación e aumenta o paro rexistrado en Galicia", sinala noutra nota, na que tamén alerta de que "sobe o desemprego feminino e en menores de 25 anos".

Mentres, CC.OO. denuncia que "sobe o paro e baixa a ocupación no peor mes de agosto desde 2008" e evidencia que esa data foi "antes da crise económica". Neste escenario, afirma que "urxe" conformar un Goberno "de progreso" no estado e "deseñar novas políticas en Galicia que revertan a situación".

Covadonga Toca analiza os datos do paro de decembro
Covadonga Toca analiza os datos do paro de decembro

XUNTA

A secretaria xeral de Emprego, Covadonga Toca, destacou este martes que Galicia é "a segunda comunidade na que mais baixou o paro" no mes de agosto e que suma 45 afiliados ao día no último ano.

Tras coñecer os datos que publica o Ministerio de Traballo, Migracións e Seguridade Social en relación ao desemprego, Covadonga Toca puxo de relevancia que durante o mes de agosto Galicia rexistrou unha baixada do paro do -6,45%, fronte ao -3,65% do conxunto nacional.

Na comunidade, precisou a representante do Goberno galego, "hai 10.604 desempregados menos que hai un ano" e o paro sitúa a Galicia "en niveis moi inferiores aos de hai unha década e próximos aos de antes do inicio da crise".

Con respecto á evolución das afiliacións, Covadonga Toca afirmou que a comunidade leva seis meses consecutivos por encima do millón e suma, no último ano, 16.513, o que supón un incremento medio de 45 afiliacións ao día.

COLECTIVOS PRIORITARIOS

Do mesmo xeito, a secretaria xeral destacou que o desemprego "baixa nos colectivos prioritarios para a Xunta", os menores de 30 anos, as mulleres e os parados de longa duración. "De feito, nove de cada dez persoas que saíron do paro no último ano atopábase nesta última situación", destacou a Xunta.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta