Sánchez-Brunete será o novo portavoz do PP en Santiago

Hernández despídese con bombóns aos xornalistas e destacando que quere facer do CES unha institución "máis proactiva".

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 03/09/2019 | Actualizada ás 13:00

Comparte esta noticia

O concelleiro Alejandro Sánchez Brunete será o novo portavoz do PP no Concello de Santiago en substitución de Agustín Hernández, que dimitiu de todos os seus cargos para ser o novo presidente do Consello Económico e Social (CES). Pola súa banda, unha xestora encargarase da agrupación local popular ata que se elixa novo presidente, cargo que ata agora tamén ocupaba o exconselleiro.

En rolda de prensa, Agustín Hernández despediuse da súa etapa como líder dos populares na capital de Galicia, mentres apunta que afronta con "compromiso" e "ilusión" o seu futuro á fronte do CES. Así, márcase o reto de dar a coñecer á sociedade o traballo desta entidade, de forma que sexa unha institución "máis proactiva" no ámbito socieconómico galego, á vez que aposta por "fortalecer o diálogo".

Na súa toma da palabra tras ofrecer bombóns á prensa, explicou que deixou todos os cargos políticos do PP, deixa de ser militante dos populares, ademais de renunciar como edil e deputado provincial para porse á fronte do CES en substitución de Corina Porro. "Espero estar á altura", afirmou sobre o seu novo cargo.

Neste sentido, asegura que a cidade se atopará no Consello Económico e Social con "un verdadeiro e leal colaborador", con "un compostelán máis", a pesar de nacer en Madrid, sinalou.

FUTURO DO PP LOCAL

Sobre Sánchez-Brunete, que era o portavoz adxunto ata agora, Hernández dixo que "é unha persoa que coñece perfectamente o Concello" e que "leva traballando no ámbito local desde hai moitísimos anos".

No tocante á agrupación compostelá, Agustín Hernández subliña que hai "moitísima xente no PP competente" para ser o novo presidente.

Agustín Hernández na rolda de prensa de despedida do Concello de Santiago
Agustín Hernández na rolda de prensa de despedida do Concello de Santiago | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta