Cita con Arthur C. Clarke

'Cita con Rama', de Arthur C. Clarke, e traducida por Alejandro Tobar, é a proposta de literatura internacional da semana de Armando Requeixo que nos traslada a unha terra futura ameazada por meteoros.

Por Armando Requeixo | Ames | 25/04/2012 | Actualizada ás 11:29

Comparte esta noticia

Título: Cita con Rama
Autor: Arthur C. Clarke
Tradutora: Alejandro Tobar
Editorial: Hugin e Munin
Lugar: Santiago de Compostela
Ano: 2012
Páxinas: 296

None

Aínda que pareza mentira, a obra dun mestre indiscutible da ciencia ficción como é Arthur C. Clarke aínda non fora traducida ao galego. Fixeron falta sesenta anos de traxectoria literaria e máis de corenta libros para que nos decatásemos de que un clásico coma el ben merecía poder lerse na nosa lingua.

O acerto debémosllo ao selo Hugin e Munin, aínda de recente aparición no noso mercado, pero cunha andaina máis que positiva, pois xa puxo ao alcance da nosa man textos referenciais de Charles Bukowski (Servizo de correos), Mark Twain (O forasteiro misterioso) e agora de Paul Morand (Venecias) e Clarke.
 
O título elixido do autor británico foi Rendezvous with Rama, traducido como Cita con Rama por Alejandro Tobar, quen ofrece aquí unha ben resolta versión que consegue trasladar con éxito o estilo sobrio e efectivo de Clarke, inzado de descricións con profusión de léxico técnico a carón de breves e áxiles diálogos.
 
Cita con Rama causou gran sensación cando se publicou por vez primeira en 1972. O recoñecemento da comunidade internacional non se fixo de esperar e ben pronto recibiu o prestixioso premio Nebula, ao que sumou logo o Hugo, Locus e mais John W. Campbell Memorial, un verdadeiro repóker dos máis grandes galardóns do xénero.
 
A novela, considerada obra mestra da ciencia ficción hard ou dura, presenta, en esencia, unha Terra futura (ano 2077) onde, por mor da caída dun meteoro, a comunidade planetaria decide instalar un sistema de detección orbital contra posibles ameazas siderais. Por este medio é como descobren no ano 2130 que un obxecto ao que deciden chamar Rama (en honra do deus hindú do mesmo nome) se achega a grande velocidade cara ao noso planeta dende as inmediacións de Xúpiter. O que se narra despois é o contacto dos tripulantes humanos da nave Endeavour ao mando do mítico capitán Norton con ese cilindro de cincuenta quilómetros de longo que é Rama, mundo flotante habitado por unha forma de vida, os ramanos, que semella facelo todo por triplicado e da que non se sabe o porqué da súa aproximación á Terra.
 
O misterio deste encontro espacial, a tensión da posible ameaza e o aglaio ante a insólita civilización que descobren os humanos da Endeavour na súa visita a Rama sosteñen unha trama de final aberto que logo o propio Clarke convertería en saga, publicando tres entregas máis ata completar a tetraloxía: Rama II (1989), The Garden of Rama (1991) e mais Rama Revealed (1993).
 
Aínda que houbo voces críticas que no seu día non acabaron de ver con bos ollos algunhas das solucións narrativas da obra (poño por caso, a non resolución do motivo da visita de Rama, para a que habería que agardar á continuación da saga), o certo é que Cita con Rama se converteu nun dos grandes títulos do xénero e hoxe é posible atopalo traducido á práctica totalidade dos idiomas da nosa contorna.
 
Xustamente por iso, o excelente traballo de Tobar para Hugin e Munin debe aplaudirse sen reservas, pois contribúe a normalizar o noso aínda feble circuíto de traducións dos clásicos universais. Facelo, amais, en tempos de crise como os que vivimos é non só unha arriscada aposta, senón unha ousadía admirable que cómpre agradecer dobremente.

None
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 1 comentario

1 clip_soho

Amigos o meu aniversario é o 20 de Maio. Garzas.