O acusado polo asasinato dun home na Coruña: "Imaxino que terían que condenarme"

A Audiencia Provincial da Coruña volve xulgar ao home que matou a outro fronte a sede Padre Rubinos para quen a Fiscalía solicita 17 anos de prisión por acoitelar a outro

Por Europa Press / Redacción | A CORUÑA | 09/09/2019 | Actualizada ás 14:41

Comparte esta noticia

A Audiencia Provincial da Coruña arrincou este luns un novo xuízo para esclarecer a morte dun home ante a institución benéfica Padre Rubinos da cidade herculina ocorrida en xaneiro de 2018. O acusado, usuario desta entidade, á que tamén acudía o falecido, negouse a declarar.

"Non vou declarar. Imaxínome que terían que condenarme", respondeu ao ser preguntado polo presidente do tribunal se quere ser condenado ou non polos feitos que se lle imputan.

A sesión, por procedemento de xurado, comezou coa intervención das partes, con peticións que van desde os 17 anos de cárcere por parte do Ministerio Público polo delito de asasinato ata os entre un e catro anos por homicidio que reclama a defensa.

O xuízo celebrarase deste luns a este xoves de mañá e de tarde despois de que o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) declarase nulo o proceso polo que se lle condenou a 15 anos e medio de cárcere, por asasinato con aleivosía, ao home acusado de matar a outro ás portas de Paftr Rubinos.

Ao comezo, o fiscal relatou como ocorreu o falecemento deste usuario da institución benéfica e asegurou que todos os informes periciais, incluídos o último exame psiquiátrico por parte dun profesional do Sergas --realizado explicitamente para este segundo xuízo-- "coinciden en que (o acusado) non ten ningunha enfermidade mental grave, simplemente un trastorno da personalidade" que "non lle impide saber o que facía".

ATAQUE "SORPRESIVO"

O Ministerio Público sostén que o ataque cunha navalla foi "sorpresivo" e que o home non tivo "ningunha posibilidade de defenderse". Á hora de solicitar a pena, ten en conta a atenuante de alteración psíquica.

A tese defendida pola Fiscalía desmonta o argumento da defensa, que pide que se teña en conta a "eximente completa" posto que o procesado "non era consciente dos seus actos". Para iso, o seu letrado baséase no informe do Sergas que conclúe que o home "ten un trastorno mixto da personalidade, destacando trazos límites, antisociais e paranoides".

Xulgados.
Xulgados.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta