O Ferrol Rebelde, unha ollada ao triunfo e martirio do movemento obreiro galego

Nesta cidade proclamouse catro meses antes que no resto do estado a I República Española. Tamén se fundou o primeiro xornal obreiro e foi o primeiro lugar de Galicia onde houbo concelleiros republicanos. Un movemento obreiro que o golpe fascista do 36 silenciaría a golpe de fusilamentos, pero que volveu rexurdir con forza nos anos 60 e 70. Aínda habería máis mártires, Amador, Daniel ou Moncho Reboiras. Os últimos asasinados dunha cidade rebelde.

Por Galicia Confidencial | Ferrol | 16/09/2019 | Actualizada ás 21:50

Comparte esta noticia

“Ferrol ten o dereito a saber e o deber de recordar a longa estirpe de rebeldes que converteu o movemento obreiro ferrolán na punta de lanza do movemento obreiro galego”.  Marcos Abalde, profesor, escritor, autor teatral e divulgador é un dos grandes coñecedores do nacemento e evolución do obreirismo en Ferrol. Un obreirismo que foi, ademais, o berce da conciencia de clase en Galicia e en España.

Participantes de Rutas de Historia desembarcando no Castelo de San Felipe, en Ferrol, dentro do roteioro Ferrol Rebelde
Participantes de Rutas de Historia desembarcando no Castelo de San Felipe, en Ferrol, dentro do roteioro Ferrol Rebelde

Porque de Ferrol foi o fundador do PSOE, Pablo Iglesias, ou o anarcosindicalista Antonio Soto, o “gallego Soto”, líder da “Patagonia Rebelde”. Tamén da comunista Amada García, asasinada polos fascistas no 36 ou de Moncho Reboiras, icona do nacionalismo e independentismo galego, asasinado nesa cidade en 1975. 

Un Ferrol obreiro de socialistas, anarquistas, comunistas e nacionalistas que esta fin de semana percorreron un cento de persoas das catro provincias galegas nunha andaina organizada pola Asociación Cultural Roxín Roxal e polo portal web Historia de Galicia, a través de Rutas de Historia (www.rutasdehistoria.gal), un proxecto de posta en valor da memoria, da historia e do patrimonio galego a través de andainas culturais.

O roteiro, da man de Abalde, percorreu os lugares máis significativos de cen anos de loita obreira na cidade e, a través dunha ollada amena, procura aproximarse ao perfil humano dos seus protagonistas. Unha andaina cronolóxica polos lugares máis sinalados da loita proletaria que converteu a Ferrol en “capital a dignidade proletaria”. “O Ferrol rebelde é, sobre todo, o Ferrol solidario, o Ferrol de homes e mulleres que se senten irmáns e camiñan xuntos pola liberdade”, salientou o profesor.

Unha liberdade obreira que comezou en 1871, na praza das Angustias, coa edición do xornal El Obrero, o primeiro medio de comunicación obreiro de España e tivo un dos seus momentos máis destacados o 10 de marzo de 1972; no que milleiros de traballadores desafiaron ao franquismo cunha folga histórica.

Marcos Abalde no roteiro Ferrol Rebelde ante a estatua de Pablo Iglesias
Marcos Abalde no roteiro Ferrol Rebelde ante a estatua de Pablo Iglesias | Fonte: Rutas de Historia

O FERROL DIVIDIDO

Ferrol nace como a gran cidade ilustrada de Galicia no século XVIII. Pero tamén como unha cidade segregada: o barrio da Magdalena para a oficialidade da Mariña e Esteiro para o pobo traballador. Nos anos corenta reproduciuse esta mesma lóxica coa construción da praza de España cos seus edificios grandilocuentes separados do novo barrio obreiro de Recimil. “Cómpre lembrar que Esteiro é tan froito da Ilustración como a Magdalena. Porén, en 1974 a última corporación franquista decide arrasar o barrio, especular co territorio e expulsar milleiros de familias a Caranza”, lembra Abalde. Hoxe só sobreviven dúas rúas do Esteiro histórico.

Precisamente, esa conciencia obreira de ferrol nace xa no século XVIII cando pasa ser unha pequena vila mariñeira, de 500 habitantes, a converterse na primeira cidade de Galicia, con 25.000. “Esta industria de enclave converte a Ferrol nunha cidade moi vulnerábel con constantes crises e recuperacións. Ao mesmo tempo, a gran concentración de traballadores fomentou unha conciencia de clase excepcional. Estas circunstancias permiten discernir con nitidez de onde vén a explotación e de onde a solidariedade”, suliña Abalde.

O FERROL DAS MOBILIZACIÓNS

E nunha cidade que comeza a dividirse por clases sociais, xorde entón unha forte conciencia de clase e militantes socialistas, comunistas e anarquistas que queren a abolución da Monarquía Española, á quen consideran responsable desa situación de desigualdade social.

Por iso, en outubro de 1872 a República Federal foi proclamada polo brigadier Bartolomé Pozas catro meses antes que no resto do estado español. Esta insurrección contou co apoio do incipiente movemento obreiro. Mais en poucos días será derrotada. Os seus membros acabarán no exilio ou presos no forte de San Felipe. Este compromiso republicano vai madurando até culminar en 1931, coa proclamación da II República. De 33 concelleiros: 13  eran republicanos, 13 socialistas e só 7 monárquicos.

Desde ese 1872 houbo multitude de mobilizacións. Cinco datas fundamentais son fundamentais para entender o Ferrol rebelde: 1918, revolta das mulleres; 1934, folga revolucionaria; 1946, folga do aceite; 1967, conflito de Obras Civís e 1972, sucesos do 10 de marzo. “Nelas o movemento operario procura moito máis que mellorar as condicións laborais”, engade Abalde. 

E neste Ferrol obreiro destaca a sede do Ateneo sindical, na rúa Magdalena, no que en 1915 organizouse un congreso internacional para tratar de deter a Segunda Guerra Mundial. Tamén o Centro de Cultura Obreira da rúa Real, -era a biblioteca de Ferrol e contaba con 10.000 exemplares- desde o que se deu un importante impulso ao movemento obreiro durante a República. Unha cultura obreira e republicana, que desapareceu nunha fogueira pública, a xeito de escarnio, e que falanxistas e militares realizaron imitando as queimas de libros dos nacis. En 1936, tras o golpe de estado, expoliaronse os bens do movemento obreiro e o inmoble en cuestión pasou a ser a sede da Falanxe.

1936, O ANO DO EXTERMINIO

Ese 1936 supón un antes e un despois de Ferrol como capital do obreirismo galego. A maior parte deles son asasinados ou teñen que exiliarse. A represión é brutal. Jaime Quintanilla, o alcalde socialista, é asasinado. Tamén o republicano José López Bouza, funcionario do concello, e presidente na altura da Deputación da Coruña. Xunto a eles, homes e mulleres, pais, nais e avós. Tamén mozos adolescentes e mulleres embarazadas. O seu único delito, ser militantes socialistas, anarquistas, comunistas, sindicalistas e galeguistas.

Precisamente, os participantes no roteiro puideron tamén coñecer ese Ferrol dos horrores. Nunha visita en barco ao Castelo de San Felipe, centro de operacións da represión fascista, visitaron o muro onde foron asasinadas a comunista mugardesa Amada García ou a máxima autoridade militar de Galicia, o xeneral Salcedo Molinuevo, xefe da VIII División Orgánica. 

EMOCIÓNS

Nese lugar de horror, Susana, unha das participantes no roteiro, emocionouse ao lembrar que seu pai e o seu avó tamén sufriran prisión alí, só polas súas ideas republicanas. Tamén José, outro veciño de Ferrolterra, que remomorou a dor da familia tras o encarceramento do pai. Non foron os únicos. A moitos veciños e veciñas víñanlle á cabeza casos de coñecidos martirizados. Un martirio e un sufrimento que non se conta nos folletos informativos que se reparten á entrada do castelo.

Houbo pouco tempo para ver ese muro da vergoña, ás carreiras, antes de coller o barco que xa esperaba no peirao do castelo. Ese muro está hoxe fechado ás visitas e, tras unha confusión sobre a apertura dese lugar, puidose visitar en extremis, tras unhas xestións de última hora nas que interviu o propio alcalde da cidade, Ángel Mato

Precisamente, o rexedor, tras a confusión creada, decidiu acudir ao porto de Curuxeiras a recibir ao cento de participantes. Alí, e tras desculparse polo feito de que esa parte do castelo estea pechada ao público, lembrou a importancia de Ferrol como cidade loitadora, obreira e acolledora. 

OS ÚLTIMOS MÁRTIRES

O roteiro acabou aos pés deste porto, cun Abalde lembrando que, a pesar da feroz represión, o obreirismo de Ferrol conseguiu resucitar e ser un dos motores dos principais movementos reivindicativos do franquismo. Así, rememorou as protestas do 9 de marzo de 1972, nas portas de Bazán, nas que houbo cargas policiais contra os milleiros obreiros que protestaban polo despedimento de dous sindicalistas que estaban a negociar o convenio colectivo. Na xornada seguinte, 10 de marzo, morrían asasinados Amador e Daniel na zona das Pías.

Eran xa os últimos anos dun Franquismo moribundo que, aínda tería tempo para asasinar a outro obreiro máis, case ao mesmo tempo que agonizaba o dictador. No 12 de agosto de 1975 caía baixo unha descarga da policía Moncho Reboiras, o último asasinado dos centos de heroes e heroínas anónimas do Ferrol rebelde.

Foto dos participantes no roteiro Ferrol Rebelde co alcalde, Angel Mato
Foto dos participantes no roteiro Ferrol Rebelde co alcalde, Angel Mato | Fonte: Rutas de Historia
Manifestacións obreiras de Ferrol no 1972, onde serían asasinados Amador e Daniel
Manifestacións obreiras de Ferrol no 1972, onde serían asasinados Amador e Daniel
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 3 comentarios

2 Fulgencio Papista

Estudie Sr. Gamela gramática (española o galega): Sujeto: "O Ferrol Rebelde..." Ergo los trepecientos mil asesinados a lo largo y ancho de la geografía del Estado por el franquismo no están incluidos en el artículo, No por desprecio, desconocimiento o ignorancia (de la que vd. destila a mares) sino porque no son objeto del artículo. Acepto sus disculpas, pero recuerde, en frase de Napoleón: "es más peligros un ignorante que un asesino". De nada

1 Gamela

Gracias por lembrar que o movemento obreiro é exclusivo do Ferrol do Caudillo ! Ao mellor teríamos que declarar unha república independente de cada casa? IKEA

1 Gamela

Os últimos mártires foron outros que ninguén quere recordar... https://i.gal/gamela04 Neste caso porque non eran de Ferrol, e moitas veces porque non eran da UPG. Cando falamos de EMOCIÓNS algúns recordamos aquel 27 de setembro de 1975 como un día gris, pero sobre todo lembramos o SILENCIO coma unha lousa moi pesada (ninguén saiu a reivindicar o seu dereito á vida, ninguén fixo actos de conmemoración alguna, aqueles mortos non eran de ninguén...?) // Os fusilados Xosé Humberto Baena e José Luís Sánchez Bravo. Anxo Otaegui. Ramón García e Juan Paredes. // Cando teñamos que facer un roteiro pola Historia deberamos comezar polo final !!! (agás que teñamos que facer roteiros por parroquias!)