Por Claudia Varela Lourido | | 13/07/2025 | Actualizada ás 17:50
As asociacións Comisión pola Recuperación da Memoria Histórica da Coruña (CRMH da Coruña), AC Alexandre Bóveda da Coruña, AC Eira Vella de Betanzos e a AC Irmáns Suárez Picallo de Sada, denuncian "a paralización do procedemento de declaración BIC do Museo Carlos Maside de Sada" e esixen a resolución do expediente de incoación, xa que caducará o vindeiro 1 de agosto.
"O día 11 de agosto cumpriranse dous anos desde que a Dirección Xeral de Patrimonio Cultural da Xunta de Galiza publicou a Resolución de 1 de agosto de 2023 (DOG 11 de agosto de 2023) pola que se incoaba o procedemento para declarar BIC o Museo de Arte Contemporánea Carlos Maside, situado no lugar do Castro de Samoedo en Sada, ao pé da empresa de cerámica actualmente do grupo Sargadelos", afirman as asociacións no comunicado.
A declaración BIC de Cerámicas do Castro é unha reclamación histórica do asociacionismo cultural memorialista porque o museo Carlos Maside "é tamén un lugar de memoria", como sempre dixo o seu fundador Isaac Díaz Pardo. Desde as asociacións lembran que "xa vai para 15 anos que o Parlamento de Galiza acordara iniciar esta acción de declaración BIC. En todo este tempo, o Museo atravesou unha etapa de ostracismo, boa parte do mesmo permaneceu pechado e é pública e notoria a posición da persoa que administra esa empresa, contraria a esta declaración".
Desde as asociacións culturais e memorialistas asinantes esixen á Xunta que "defenda o interese xeral neste proceso e non os intereses particulares da empresa", reclamando así mesmo a "adopción das medidas necesarias para recuperar o proxecto museográfico concebido por Luis Seoane e Isaac Díaz Pardo en plena ditadura franquista".
Conclúen afirmando que "sería un escándalo que a Xunta de Galiza deixara caducar este procedemento, e este proxecto museográfico de incalculable valor quedase sen protección patrimonial, polo que esiximos da Xunta de Galiza que resolva de xeito urxente o expediente de declaración (que caduca o vindeiro 1 de agosto), en defensa do interese público e a memoria galega democrática e antifranquista".
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.