Carpintaría de ribeira I: así se deseñan os barcos tradicionais galegos

Un oficio transmitido de xeración en xeración, que deu forma ás embarcacións do noso mar e conserva, táboa a táboa, o espírito dun tempo no que o saber se medía coas mans. A carpintaría de ribeira galega resiste entre salitre e madeira como herdanza viva dun país que aprendeu a navegar o mundo dende a súa costa, coa precisión dun formón e a paciencia do vento.

Por Ángela Precedo | SANTIAGO | 16/07/2025 | Actualizada ás 22:00

Comparte esta noticia

Nun recanto da costa galega, entre o salitre que se crava na madeira e o eco do mar nas pedras, pervive un oficio antigo que resiste o paso do tempo con mans caleadas e saber herdado. A carpintaría de ribeira é máis ca unha técnica: é unha linguaxe. A linguaxe da madeira que se curva, do formón que canta, do vento que empurra velas coma quen conta historias de ida e volta. Aquí, preto da beira do noso mar, nacen embarcacións únicas, feitas a man, con paciencia e sabedoría. Cada barco é un ser vivo construído con alma, e quen o crea coñece o nome de cada peza coma quen coñece os nomes das estrelas.

Exemplo de carpintaría de ribeira
Exemplo de carpintaría de ribeira | Fonte: GC - Museo do Mar de Rianxo

UN OFICIO CON RAÍCES PROFUNDAS

A carpintaría de ribeira é un oficio tradicional especializado na construción artesanal de embarcacións. Conserva antigas técnicas xa desaparecidas ou esquecidas pola construción naval moderna. En Galicia crearon tipos de embarcacións como a dorna, a gamela ou a lancha de relinga, e hoxe en día un gran número dos barcos de baixura seguen a nacer nestas carpintarías. Este tipo de carpintaría diferénciase dos grandes estaleiros en que o seu proceso construtivo é totalmente artesanal, pois utiliza técnicas manuais e tradicionais transmitidas oralmente, de mestre a aprendiz. Para o lugar de traballo habilitábase un espazo na costa dende o cal poder botar as embarcacións máis grandes. Traballan ao aire libre, pero sempre en lugares protexidos dos ventos e dos temporais, e cunha extensión ampla de terreo arredor, ou na praia, onde almacenaban a madeira, preparaban as pezas e varaban as embarcacións para reparar ou os novos cascos para rematar o seu aparellado.

DA MADEIRA AO MAR: COMO SE CONSTRÚE UN BARCO

O material empregado é a madeira, traballada en frío e combinada con epoxis como adhesivo e protector, xunto a novos materiais máis modernos como o aceiro ou o poliéster reforzado con fibra de vidro. Algunhas embarcacións podían construílas labregos ou mariñeiros con certa destreza para a carpintaría, mais o tamaño e a complexidade aumentaban, entraban en xogo os mestres carpinteiros, os artesáns especializados. Ás veces os carpinteiros de ribeira exercían a súa profesión desprazándose onde os chamaban e traballando na zona ao aire libre. Na actualidade, a carpintaría de ribeira segue a ser un sector moi importante para Galicia e para a pesca de baixura sobre todo. Así, no ano 2000, o 85 % dos barcos de pesca rexistrados en Galicia estaban feitos en madeira.

Exemplo de carpintaría de ribeira
Exemplo de carpintaría de ribeira | Fonte: GC - Museo do Mar de Rianxo

A ESTRUTURA DO BARCO: DA QUILLA AO FALQUÍN

O proceso construtivo comeza coa elaboración por parte do carpinteiro de ribeira do medio casco e, a partir del, sácase o plano de formas: liñas de auga ou horizontais, seccións transversais (cadernas) e lonxitudinais ou verticais. O ensamblado destes tres planos dá como resultado a representación do barco na súa fase de deseño, que constitúe a referencia para a fase de construción real. Logo disto, comeza a construción propiamente dita do barco, co encaixe da quilla, a roda e o codaste. O conxunto roda-quilla-codaste é o eixo vertebrador da embarcación. A quilla, cando é posible, fórmase cunha soa peza enteira de madeira nobre. Cando non, recórrese á unión de dúas pezas cun empalme chamado 'raio de Xúpiter', un encaixe resistente e milimétrico. As pezas axústanse sobre picadeiros e aliñanse con coidado antes de continuar coa estrutura transversal. As cadernas dan forma e resistencia ao casco. Primeiro trázanse as vágaras de corrección e os cartabóns para perfilar os ángulos. Despois ármanse as pezas con cravos e móntanse sobre a quilla. Unha vez colocadas, refórzanse con taboleiros chamados rexedeiras, que aseguran a súa estabilidade.

A CUBERTA E O INTERIOR: UN BARCO COMPARTIMENTADO PARA VIVIR E TRABALLAR

A cuberta pecha a embarcación, serve de barreira á entrada de auga do mar e é o espazo onde se desenvolve o traballo a bordo. Está formada por un taboado de forma arqueada co fin de poder evacuar mellor a auga. A compartimentación dunha embarcación faise segundo a finalidade desta. Nas de pesca dispóñense espazos para o aparello, o peixe, os tripulantes, arboradura... A cuberta constrúese sobre unha estrutura transversal, os vaos, que están apoiados e sostidos nunhas pezas de reforzo lonxitudinal superior en cada costado, os dormentes. Sobre eles crávase a cuberta. Aquí, cada táboa ten nome e función: a tapa trancanil, o falquín, a regala, as chumaceiras... unha arquitectura feita con precisión e coñecemento antigo.

AS CADERNAS CONFORMAN A ESTRUTURA TRANSVERSAL DO BARCO

A colocación das cadernas consiste en armar as 'costelas' do barco, sobre o conxunto quilla-roda-codaste, para darlle resistencia a todo o conxunto. As cadernas determinan a base da curvatura final da embarcación. Como se colocan? Primeiro trázanse as vágaras de corrección, catro en cada banda da embarcación, que van servir para determinar as liñas de curvas. Logo márcanse os cartabóns ou ángulos que teñen no canto e cadernas que serán os que dean forma ao casco. Estando todas as pezas cortadas e formadas, ármanse mediante cravos. Logo hai que montalas enriba da quilla. Cando se acaba de enramar o barco, ou sexa, de colocar todas as cadernas no lugar, hai que proceder a colocar pezas de reforzo lonxitudinal para asegurar que non se mova o conxunto das cadernas. Isto faise internamente colocando taboleiros para facer ríxido o conxunto, e que se chaman aquí rexedeiras.

EVOLUCIÓN DA CONSTRUCIÓN EN GALICIA, EMPEZANDO POLO CASCO

A evolución da construción de embarcacións en Galicia deu lugar a dous tipos básicos de construción: o primeiro comeza o barco polo casco ou pola parte de fóra; o segundo, chamado de esquelete, comeza a construción por dentro. 

  • A construción a partir do esquelete: de dentro a fóra: Este tipo de construción empeza poñendo a estrutura interna, o esquelete, que é o que dá a forma da embarcación e despois remata poñendo o costado. Vai do interior para o exterior concibindo o casco transversalmente.
  • A construción a partir do forro: de fóra a dentro: Este tipo de construción empeza polo casco da embarcación, polos costados, que son os que moldean a figura e a forma, e logo coloca as partes estruturais internas. Actúa dende o exterior para o interior e concibe o casco lonxitudinalmente.

GALICIA, UN CATÁLOGO VIVO DE EMBARCACIÓNS

En Galicia existen dous grandes grupos de embarcacións: con quilla ou sen quilla. A quilla é a peza diferencial desta clasificación, que artella todo o esquelete, dándolle ao conxunto fortaleza, estabilidade e fiabilidade de goberno. As embarcacións sen quilla, como as gamelas e chalanas, ao carecer do principal elemento estrutural e teren un fondo plano, son de maior simplicidade e normalmente de menor tamaño. As embarcación con quilla son máis resistentes. A lancha xeiteira foi unha embarcación con quilla moi estendida pola costa galega, grazas á súa robustez e ás súas boas características mariñeiras.

  • As embarcacións con quilla son resistentes: Caracterízanse pola presenza dun esquelete estrutural formado por unha columna vertebral --o conxunto quilla, roda e codaste-- e un costelar resistente e as cadernas, que soportan o forrado da embarcación. A lancha xeiteira foi unha embarcación con quilla moi estendida pola costa galega, grazas á súa robustez e ás súas boas características mariñeiras.
  • Gamelas e chalanas, embarcacións sen quilla: Caracterízanse pola ausencia da quilla e por teren un fondo plano. Hai dous xeitos de construílas. O primeiro, empezando polo fondo e completando logo os extremos e costados; o segundo, comezando polos costados e acabando polo fondo. Por citar un exemplo, a gamela da Guarda é unha embarcación tradicional de fondo plano, moi segura e estable que aínda está en uso para a pesca. Pola súa banda, a gamela coruxeira tamén ten fondo plano, pero constrúese de maneira distinta á gamela da Guarda.

Exemplo de carpintaría de ribeira
Exemplo de carpintaría de ribeira | Fonte: GC - Museo do Mar de Rianxo
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta