Recuperados dous canóns de bronce do século XVI que estaban no fondo mariño de Camariñas

Outros dous foron localizados e aínda permanecen mergullados.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 17/09/2019 | Actualizada ás 19:29

Comparte esta noticia

Mergulladores da Armada Española extraeron este luns dous canóns de bronce, do século XVI, que permanecían en augas próximas a Camariñas (A Coruña), na zona norte da Costa da Morte.

Un dos canóns recuperados por mergulladores da Armada en augas de Camariñas (A Coruña), na Costa da Morte
Un dos canóns recuperados por mergulladores da Armada en augas de Camariñas (A Coruña), na Costa da Morte | Fonte: Europa Press

Os restos, que poderían pertencer a un buque do Estado do século XVI, foron recuperados por militares pertencentes á Unidade de Mergullo de Ferrol (UBUFER), con base na Estación Naval da Graña, baixo o mando das unidades da Forza de Acción Marítima de Ferrol. Ademais, contou coa colaboración do Servizo Arqueolóxico da Xunta.

Durante as inmersións realizadas este luns, ademais, os mergulladores identificaron catro pezas de artillaría de bronce (Culebrinas), das cales xa foron sacadas á superficie as dúas de maior tamaño.

En concreto, o achado tivo lugar hai uns anos grazas á colaboración dun mergullador deportivo da zona, José Antonio Estévez Mouzo, membro da Real Liga Naval Española que, tras realizar unha gravación dos mesmos, o puxo en coñecemento das autoridades.

Tras iso, a Armada Española, responsable da Vixilancia e Protección do Patrimonio Arqueolóxico Mergullado e en base á Lei de Navegación Marítima que lle outorga as competencias sobre os buques de Estado, mobilizou un equipo da Unidade de Mergullo de Ferrol para realizar a correcta intervención sobre os restos. Todo iso en coordinación co servizo de Patrimonio da Xunta.

Para esta inmersión desprazouse un equipo de mergulladores ao porto deportivo de Camariñas, desde onde iniciaron os traballos. No dispositivo participou tamén o arqueólogo submarino Miguel San Claudio Santa Cruz, experto en patrimonio mergullado en augas do litoral galego, así como un técnico en Restauración.

Polo momento non se ten constancia exacta da natureza e pertenza dos restos, xa que a súa identificación encerra múltiples dificultades, orixinadas pola ausencia de datos e o paso do tempo no material mergullado. Con todo, unha vez catalogados e estudados, poderase abundar sobre a época exacta á que pertencen e a súa orixe.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta