Os obxectivos reais da proposta de Núñez Feijóo

Nos, últimos días, Alberto Núñez Feijóo ocupou un notábel espazo mediático por mor da súa proposta de “gran coalición” entre PSOE e PP para saír da situación de “impasse” na que se atopa a política española. Daquela, aínda non se confirmara a repetición electoral prevista para o 10 de Novembro mais as declaracións do dirixente galego do PP tiveron ampla resonancia nos principais medios de comunicación estatais.

Por Xesús Veiga | Compostela | 24/09/2019

Comparte esta noticia
Cando fixo semellantes afirmacións, Feijóo sabía perfectamente que a súa iniciativa carecía da mais mínima viabilidade no inmediato futuro. Por que decidiu, entón, proxectala publicamente? A resposta non semella complicada: porque desexa marcar un perfil propio, diferente do que representa, na actualidade, Pablo Casado. Mentres este insiste con “España Suma”, o presidente da Xunta reivindica o legado de Rajoy -mais que o de Aznar- e propón a reconstrución electoral do PP distanciándose da deriva radical de figuras como Cayetana Álvarez de Toledo. A contundencia das palabras utilizadas por Alberto Núñez resulta, tamén, moi significativa: descualificou -como “adolescentes” irresponsábeis- aos catro máximos dirixentes das formacións que conforman hoxe o círculo mais determinante do mapa político estatal. Ou sexa: Casado tamén recibiu a parte proporcional de culpabilidade pola situación política vixente.
 
Con este distanciamento crítico, Feijóo busca, previsibelmente, dous obxectivos compatíbeis: consolidar a súa posición de recambio de Casado se a dinámica posterior ao 10-N supón un desgaste notábel para o actual inquilino da rúa Genova e afortalar a súa imaxe de líder imprescindíbel no ámbito da política galega a menos dun ano de que se convoquen eleccións á Cámara do Hórreo.
 
Con estas declaracións xa non se pode considerar que o presidente do PPdG descartou definitivamente a hipótese da sucesión na xefatura estatal do seu partido. O primeiro test para avaliar a verosimilitude e o prazo temporal de semellante opción estará situado nos resultados que ofrezan as urnas o vindeiro 10 de Novembro.
 

O titular do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, na rolda de prensa posterior ao Consello da Xunta. XUNTA
O titular do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, na rolda de prensa posterior ao Consello da Xunta. XUNTA
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Xesús  Veiga Buxán Licenciado en CC.EE. pola Universidade de Bilbao. Profesor –dende o ano 1974- no Departamento de Organización de Empresas e Comercialización da Facultade de CC.EE. da USC. Dirixente do MCG. Posteriormente, foi dirixente de Inzar.Foi deputado polo BNG no Parlamento galego dende 1993 ao 2005. Dende Setembro do ano 2005 ate o mes de Abril do ano 2009 foi asesor para asuntos económicos no Gabinete da Vicepresidencia da Igualdade e do Benestar da Xunta de Galicia.