A UE na encrucillada

As recentes eleccións celebradas en Francia e Grecia tiñan unha evidente dimensión supranacional.Dende diversas ópticas analíticas había un consenso valorativo a respeito da transcendencia dos resultados destes comicios nas dinámicas que dominan o proceso de construción da actual UE.

Por Xesús Veiga | Compostela | 14/05/2012

Comparte esta noticia
Coñecido o veredicto das urnas, resulta pertinente enunciar unha primeira conclusión:as forzas políticas defensoras da aplicación estrita dos ditados económicos e sociais da “troika” (B.C.E., Comisión Europea e F.M.I.) saíron derrotadas das votacións realizadas o pasado día 6.No caso grego, as cifras son espectaculares:a suma dos apoios recibidos por Nova Democracia e o Movemento Socialista Panhelénico (PASOK) acada a limitada porcentaxe do 32,4%.Qué se diría, no ámbito do Estado español, se PP e PSOE obtiveran, nunhas eleccións xerais un resultado semellante?O cambio radical rexistrado no mapa electoral de Grecia é unha expresión indiscutíbel da oposición social existente aos durísimos plans de axuste deseñados en Bruxelas e aplicados, disciplinadamente, polos gobernantes dos partidos até agora maioritarios.O feito de que unha forza da esquerda alternativa –Syriza- teña ocupado a segunda posición, superando  ao PASOK,  aínda resulta mais relevante que a circunstancia, certamente preocupante, de que un partido neonazi dispoña dunha significativa representación parlamentaria.
 
O mapa político francés derivado da disputa pola presidencia da República presenta unha sintomatoloxía menos caótica que a grega pero tamén reveladora dos efectos que provoca a xestión da crise económica no comportamento dos electorados europeos.A pesar de que a tradición socialista que representa Hollande non implica a posta en cuestión das liñas mestras establecidas hai vinte anos no Tratado de Maastricht, o programa do candidato gañador ofrece importantes propostas alternativas ao modelo de construción da UE que se está marcando hoxe dende o goberno alemán e a dirección do BCE.O novo presidente ten un reto de grande transcendencia:demostrar que se poden desenvolver outras políticas por parte dos órganos dirixentes de Bruxelas para reconstruír os consensos sociais baseados na existencia dun Estado do benestar e na progresiva converxencia nas condicións de vida das diferentes sociedades que conviven neste espazo.
 
Os gobernantes da UE están nunha encrucillada.Teñen que optar:ou atenden as demandas das maiorías sociais e rectifican os dogmas económicos que están provocando niveis de desigualdade e inxustiza descoñecidos nas últimas décadas ou aceitan as lóxicas que emanan dos poderes que controlan os mercados.Se transitan por este último camiño, os cidadáns proxectarán a súa indignación sobre eles.Ao cabo, os mercados esixen e castigan mais non se presentan ás eleccións.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Xesús  Veiga Buxán Licenciado en CC.EE. pola Universidade de Bilbao. Profesor –dende o ano 1974- no Departamento de Organización de Empresas e Comercialización da Facultade de CC.EE. da USC. Dirixente do MCG. Posteriormente, foi dirixente de Inzar.Foi deputado polo BNG no Parlamento galego dende 1993 ao 2005. Dende Setembro do ano 2005 ate o mes de Abril do ano 2009 foi asesor para asuntos económicos no Gabinete da Vicepresidencia da Igualdade e do Benestar da Xunta de Galicia.