Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 26/09/2019 | Actualizada ás 17:26
O Partido Popular de Galicia quere que o Parlamento galego condene expresamente os "posicionamentos negacionistas" da violencia machista "que pretenden desvirtuar a dura realidade das vítimas", así como os "intentos de patrimonialización" dos "avances" para erradicar esta "secuela". A priori, un paradoxo cando o líder estatal dos 'populares', Pablo Casado, decidiu pactar co partido ultradereitista Vox a achegarse ao seu discurso de negación da violencia machista.
Trátase dunha das 40 propostas de resolución rexistradas polo grupo maioritario na Cámara galega para o Debate sobre o Estado da Autonomía, entre as que tamén inclúen unha iniciativa para instar o Goberno central a modificar a lei electoral para facilitar que goberne a lista máis votada, proposición á que os 'populares' convidan a sumarse ao PSdeG, xa que cren que "deberían estar de acordo a tenor do que pasou ultimamente".
"O que nos preocupa son as mulleres galegas que sofren a secuela machista. Se a alguén lle molesta que defendamos ás mulleres contra esta secuela, síntoo moito", indicou este xoves o secretario xeral do PPdeG, Miguel Tellado, durante a presentación das propostas 'populares' para o debate de política xeral que, tras as negociacións dos grupos, serán votadas na mañá do venres.
Despois de que os catro grupos da oposición —PSdeG, Común da Esquerda, BNG e En Marea no mixto— afeasen durante a xornada inaugural ao presidente autonómico, Alberto Núñez Feijóo, os acordos do seu partido con Vox en territorios como Andalucía, Madrid ou Murcia, o PPdeG lamentou que a oposición empregue a violencia de xénero "como arma política", polo que apelan a que o Parlamento manteña unha postura "unánime" para combater este problema.
Cuestionado sobre a postura de "condenar o negacionanismo" entra en conflito cos acordos establecidos polo seu partido noutros lugares de Esapaña, Miguel Tellado respondeu reivindicando que os 'populares' galegos traballan "nun proxecto que se chama Galicia". "Preocúpame o que digan os galegos, e especialmente as mulleres", subliñou.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.