Por Europa Press / Redacción | OURENSE | 27/09/2019 | Actualizada ás 16:23
A Deputación de Ourense aprobou este venres os orzamentos iniciais para o exercicio 2020, que ascenden a máis de 85 millóns, dos cales preto do 40% (34.086.299) do gasto destínase a persoal, e que a oposición tachou de "papel mollado". Así quedou recollido na sesión plenaria ordinaria celebrada este venres e cuxo punto máis polémico foi o correspondente á introdución dunha modificación orzamentaria de case 8.6 millóns de euros nos orzamentos do exercicio 2019.
O goberno en coalición de PP e Democracia Ourensana vangloriouse de "facer as cousas como se debe" ao presentar os orzamentos de 2020 "en tempo e forma", fronte ás críticas da oposición que aludiron a que "non valen para nada".
Neste marco, o portavoz socialista na Deputación, Rafael Rodríguez Villarino, manifestou que "os orzamentos introducen cero modificacións" con respecto ao ano pasado e queixouse de que "unha vez máis" sexa necesario "pedir obxectividade na repartición de fondos".
No caso do BNG, o seu portavoz no ente provincial, Bernardo Varela, describiunos como "continuistas no fondo e na forma". E criticou a "elevada partida" destinada a persoal, "aínda despois de que o presidente da Deputación, Manuel Baltar, prometese reducir a carga ao 30%".
Unha afirmación que, segundo o grupo popular, "non foi posible" debido á externalización dos servizos, entre eles o de recollida de residuos, con elevados custos de persoal.
Ciudadanos dixo botar en falta varias "cuestións imprescindibles" como son un maior investimento no Plan de Natalidade, Plan de Empregabilidade e Plan de Mocidade, así como a creación dun Plan específico para as persoas maiores.
MODIFICACIÓN ORZAMENTARIA
Por outra banda, os deputados dos distintos grupos tamén debateron a introdución dunha modificación nos orzamentos do ano 2019, que a oposición cualificou de "broma pesada".
Desde o PSOE referíronse á modificación traída a pleno como "unha cacicada que debe ser denunciada" porque entenden que as modificacións orzamentarias hanse de facer "por motivos obvios", pero neste caso "só son un exemplo de como repartir a dedo os fondos públicos".
"Alardean sistematicamente de traer os orzamentos en setembro, buscando o titular fácil, pero non falan das subvencións nominativas que inclúen nas modificacións orzamentarias para repartir fondos a dedo entre os concellos do PP", reprochou o deputado socialista, Ignacio Gómez, ao goberno provincial.
Neste contexto tamén volveron saír a relucir as críticas ao pacto de goberno entre PP e DO. Neste sentido, os socialistas botáronlle en cara a DO que apoie "o sustento vello" dun goberno que "reparte a dedo o que lle sobra".
Como resposta, o portavoz de Democracia Ourensana, Miguel Caride, tratou de evitar entrar na cuestión e limitouse a aludir á "enorme satisfacción", persoal e de DO, sobre o acordo adoptado co Partido Popular.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.