Vox sae en defensa de Amancio Ortega

Quere que o Congreso recoñeza as "exemplares" doazóns do dono de Inditex á sanidade pública.

Por Europa Press / Redacción | Madrid | 01/10/2019 | Actualizada ás 17:56

Comparte esta noticia

Vox cre que o Congreso dos Deputados debe recoñecer as doazóns que o empresario galego Amancio Ortega realizou no último ano "en favor do ben común e do interese xeral", en referencia, aos máis de 500 millóns que a súa fundación destinou á sanidade pública.

Para os de Santiago Abascal, esta actitude é "exemplar", posto que o empresario, "sen ter ningunha obrigación xurídica", achega "xenerosamente" os seus recursos privados "para o financiamento de actividades sociais".

O partido sostén que o chamado Estado do Benestar ten un custo crecente para as arcas públicas en España como resultado de varios factores: o envellecemento da poboación, o enfraquecemento da familia e a maior conciencia social da responsabilidade que teñen os poderes públicos coas persoas desvalidas.

Isto implica, segundo apunta, que "as necesidades son crecentes e os recursos son sempre limitados". De aí, que valoren ás persoas que, como Ortega, doen parte do seu patrimonio "por un espírito solidario e desinteresado".

Baseándose neste argumento, Vox rexistrou o pasado mes de setembro unha proposición non de lei no Congreso para que a Cámara, "como representante do pobo español, exprese o recoñecemento de toda a sociedade a don Amancio Ortega Gaona". Esta iniciativa decaeu coa disolución das Cortes, pero se os de Abascal queren poderán recuperala e volver presentar na seguinte lexislatura para que se poida debater.

Amancio Ortega
Amancio Ortega | Fonte: EP

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta