Xuventude destaca que a campaña de verán sitúa Galicia "como destino preferente de mozos" de fóra

Traballa xa na oferta para 2020 para "que sexa a mellor da historia" porque "ten que marcar un antes e un despois".

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 03/10/2019 | Actualizada ás 11:33

Comparte esta noticia

A Dirección Xeral de Xuventude considera que a campaña de verán da Xunta, con campamentos e campos de voluntariado, sitúa a Galicia "como destino preferente de mozos" doutras comunidades e do estranxeiro.

Así o explicou a directora xeral de Xuventude, Cristina Pichel, en resposta a unha pregunta da deputada popular Jackeline Fernández Macías en comisión parlamentaria, en relación ao balance das actividades deste verán.

Pichel incidiu en que se tratou dunha "campaña atractiva, variada e plenamente inclusiva", que "é referente en España". Ademais, fixo fincapé en que contou coa participación de "máis de 300 persoas con discapacidade" nos campamentos da Xunta.

No seu balance apuntou que se ofertaron este verán 9.834 prazas, o que supuxo 62 máis que o ano anterior, distribuídas entre campamentos, campos de traballo e outras actividades.

Como "xoia da coroa" situou "as actividades náuticas" dos campamentos de verán. Todo iso, valorou, "consolida Galicia como destino preferente" da mocidade de fóra de Galicia. Tamén resaltou os campos de traballo, con 634 prazas, 40 máis que en 2018. E 30 campos, dous máis, e cinco deles novos.

Por iso, valorou que o balance de 2019 "é moi satisfactorio e superou as expectativas iniciais". Ademais, asegurou que á parte de ser "referencia de lecer e de formación non formal" tamén "é un recurso de conciliación para as familias e para dinamizar o emprego no ámbito do tempo libre".

Respecto diso, a directora xeral incidiu en que supervisan "que todas as empresas cumpran cos pregos, sobre todo en persoal". A iso sumou a "garantía de inclusión e de oportunidades" coas actividades de verán ofertadas por Xuventude. Neste sentido, considerou que se trata dunha "campaña atractiva, variada e plenamente inclusiva".

AVANCE 2020

Pichel avanzou que a Xunta traballa xa na oferta para 2020 co obxectivo de "que sexa a mellor campaña da historia". "O 2020 ten que marcar un antes e un despois", sostivo en comisión parlamentaria.

Para iso, asegurou que traballan co fin "de ofrecer máis prazas e máis actividades" e "reforzando a atención a colectivos con máis dificultades e instalacións melloradas". Todo iso para que Galicia se "asente como a comunidade referente coa mellor oferta de campamentos e campos de voluntariado", concluíu.

Campamento Inclusivo de Vela e Multiactividade.
Campamento Inclusivo de Vela e Multiactividade.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta