Reclaman á Comisión Europea que investigue as concesións mineiras da Xunta

Ciudadanos e a Asociación Petón do Lobo, por outro, reclamaron en Bruxelas que se faga unha "auditoría exhaustiva" sobre as concesións a minas como a de San Finx, en Lousame.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 03/10/2019 | Actualizada ás 19:43

Comparte esta noticia

Ciudadanos e a Asociación Petón do Lobo reclamaron en Bruxelas que a Comisión Europea realice unha "auditoría exhaustiva" sobre as concesións mineiras outorgadas en Galicia pola Administración autonómica como a das minas de San Finx, en Lousame (A Coruña).

Mina de San Finx, en Lousame
Mina de San Finx, en Lousame

Este xoves, a Asociación Petón do Lobo defendeu ante a Comisión de Peticións do Parlamento europeo que investiguen unha posible vulneración das normas europeas na explotación de recursos mineiros en Galicia.

Segundo informa a asociación, a comisión recibiu un informe da Xunta sobre San Finx requirido polo Europarlamento hai máis dun ano. "As críticas por esta actitude de desprezo pola institución foron expresadas por todos os grupos coa excepción do PP, representado polo exministro e agora eurodeputado Juan Ignacio Zoido, que apoiou incondicionalmente a Xunta", indica Petón do Lobo.

A continuación, sinala que o documento, "enviado a última hora", constitúe unha "auténtica burla", pois a Dirección Xeral de Minas —cuxo responsable, Bernardo Tahoces, permanece investigado pola concesión da canteira de San Finx— afirma que as presas da mina "non eran tales" e que "probablemente foron construídas con propósito hidroeléctrico".

"O máis grave é que estamos ante unhas infraestruturas en estado de abandono e con signos claros de licuefacción interna que, tarde ou cedo, implicarán un fallo crítico con enorme impacto ambiental augas abaixo e en toda a ría de Muros e Noia", incidiu o representante de Petón do Lobo, Joám Evans.

Para Evans, o "negacionismo" da Xunta sobre unhas presas que "constan como tales nun inventario" realizado a finais da década de 1990 "é coma se dixesen que Chernobil era un cuberto para afumar chourizos".

CIUDADANOS

Pola súa banda, a eurodeputada de Ciudadanos Soraya Rodríguez apoiou a petición de Petón do Lobo, pois considera que "en Galicia existe unha vulneración sistemática das directivas europeas en relación ás explotacións mineiras, trámites ambientais, ocultación de emisións, entre outras".

A representante da formación laranxa denunciou que "a autorización" para a reapertura da actividade nas minas de San Finx "non foi obxecto de información pública nin de consulta cidadá, ademais de sufrir un forte rexeitamento social".

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta