Vidas cruzadas

Nunha recente comparecencia parlamentaria sobre a crise de Bankia, Luis de Guindos pagou a peaxe da súa vella amizade con Rodrigo Rato.No canto de realizar un catálogo explícito dos erros cometidos polo ex -ministro no seu papel como administrador principal desa entidade financeira, optou por unha benevolente crítica xenérica e desbotou expresamente calquera intención de promover unha esixencia de responsabilidades aos causantes da desfeita.

Por Xesús Veiga | Compostela | 27/05/2012

Comparte esta noticia
En realidade, as vidas públicas de Guindos e Rato cruzáronse en varios momentos significativos.O primeiro foi un subordinado do segundo durante os gobernos de Aznar.Posteriormente, emprenderon camiños diferentes pero non distantes:o primeiro ocupou un posto de responsabilidade  no grupo Lehman Brothers durante os meses anteriores ao seu espectacular derrube provocado pola treboada financeira orixinada nos USA a partir do outono do ano 2007.O vicepresidente económico de Aznar foi designado director xerente do FMI no 2004 e dimitiu en Xuño do 2007, poucos meses antes de que estoupara a crise das hipotecas “subprime”.Curiosamente, ambos persoeiros non sufriron a contaminación derivada da súa presenza destacada en dous centros neurálxicos da burbulla financeira:un –Luis de Guindos- como participante activo nun dos referentes principais do gran casino especulativo no que ficaron convertidas as finanzas internacionais e outro –Rodrigo Rato- como supervisor incapaz de controlar o funcionamento acaído do sistema financeiro.
Dende o pasado mes de Novembro, viviron un novo capítulo da súa relación.O vello xefe político presidía unha entidade –Cajamadrid- que pretendía ser a base operativa dun poderoso grupo financeiro controlado polos dirixentes do PP.O seu antigo subordinado asumía o control do Ministerio de Economía no goberno de Rajoy e tivo que aturar a grave situación que afecta á meirande parte das institucións financeiras do Estado e singularmente ao grupo Bankia.
 
O botafumeiro de urxencia que están utilizando os voceiros do PP non abonda para limpar o currículo de alguén que foi considerado durante moito tempo o principal artífice do “milagre” económico español, ese singular modelo de crecemento baseado na especulación inmobiliaria, o crédito barato, a desregulación financeira, o espectacular endebedamento de empresas e familias e a diminución indiscriminada de impostos.Hai poucos días, o xigante Rato foi devorado pola mesma crise que el contribuíu a xerar.A pesar de que non renunciou á indemnización de 1,2 millóns de euros que lle corresponden pola súa fracasada relación contractual con Bankia, terá que asumir as espesas sombras que proxecta a súa traxectoria como xestor público.Aínda que Luis de Guindos non queira mirar para atrás, o pasado non desaparece.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Xesús  Veiga Buxán Licenciado en CC.EE. pola Universidade de Bilbao. Profesor –dende o ano 1974- no Departamento de Organización de Empresas e Comercialización da Facultade de CC.EE. da USC. Dirixente do MCG. Posteriormente, foi dirixente de Inzar.Foi deputado polo BNG no Parlamento galego dende 1993 ao 2005. Dende Setembro do ano 2005 ate o mes de Abril do ano 2009 foi asesor para asuntos económicos no Gabinete da Vicepresidencia da Igualdade e do Benestar da Xunta de Galicia.