Ciudadanos presenta unha denuncia ante a Fiscalía contra Jácome pola retirada da multa de tráfico

O grupo municipal explicou que a súa decisión de levar o tema a sede xudicial deriva do "comportamento oscurantista e falto de transparencia do alcalde".

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 09/10/2019 | Actualizada ás 16:24

Comparte esta noticia

Ciudadanos Ourense denunciou este mércores ante a Fiscalía ao alcalde da cidade, Gonzalo Pérez Jácome, por quitarse a multa por aparcadoiro indebido, ao entender que a súa actuación "pode vulnerar a legalidade" posto que "resolveu un expediente no seu propio beneficio".

Na denuncia, segundo explicou o concelleiro de Ciudadanos, Laureano Bermejo, ponse en coñecemento do Ministerio Fiscal uns feitos que entenden que son "irregulares" dado que "o rexedor ten a obriga de absterse naqueles asuntos nos que é parte interesada".

O grupo municipal explicou que a súa decisión de levar o tema a sede xudicial deriva do "comportamento oscurantista e falto de transparencia do alcalde" que se negou a dar explicacións ante as manifestacións dos grupos municipais no Concello.

A este respecto, o grupo municipal tamén criticou que non dispoñen de "os datos concretos e amplos do expediente" porque Jácome negouse a facilitarllo a outros grupos municipais cando llo pediron. Por tanto, esperan que a Fiscalía incoe dilixencias de investigación para "determinar se os feitos poden ser constitutivos dun delito de prevaricación administrativa".

Ademais, como alternativa á actuación do rexedor, Ciudadanos Ourense expón que Jácome tería que "polo menos" facer unha "consulta ante a Subdelegación do Goberno de Ourense", órgano encargado de ratificar as denuncias en toda a provincia, para determinar quen é o órgano superior responsable para resolver neste caso esa multa, "en lugar de facelo mediante un decreto".

Por último, a formación municipal pediu a Jácome que "como máximo responsable en seguridade viaria sexa un exemplo a seguir por todos os veciños" e criticaron que "en reiteradas ocasións" o rexedor fose visto "falando por teléfono ao volante e sen as mans libres e aparcando en carga e descarga o seu propio vehículo".

RESPOSTA DE D.O.

Mintuos despois de coñecerse a acción de Ciudadanos, o portavoz de Democracia Ourensá no Concello de Ourense, Miguel Caride, respondeu á formación laranxa para indicar que "o tema non ten ningún percorrido" pero, a pesar diso, manifestou que "cada un pode facer as denuncias que queira".

Así mesmo, explicou que o expediente administrativo seguiu unha instrución que "resolveu que o alcalde non debía ser sancionado". Ademais, Caride subliñou que "o propio axente retractouse da súa denuncia" ao darse conta de que o vehículo estaba estacionado no lugar reservado para o alcalde. Neste contexto, cualificou "este tipo de accións" por parte da oposición como "uns Xogos Florais" de natureza "certamente ridícula".

O alcalde de Ourense, Gonzalo Pérez Jácome.
O alcalde de Ourense, Gonzalo Pérez Jácome. | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 1 comentario

1 anonimo

Cada vez que sae nas fotos Jácome ( sempre sen afeitar, é unha estratexia do seu asesor de imaxe) mira ao infinito. Non é que a sua mirada reflexe a profunda intelixencia do ser galaico. Non. E mais ben o contrario