Ana Pontón insiste en que o BNG se presenta o 10N para defender a "nación" galega

A cabeza de lista ao Congreso pola provincia da Coruña, Néstor Rego, pide "confiar" neste partido para dar "voz" a Galicia

Por E.P. | Compostela | 11/10/2019 | Actualizada ás 14:18

Comparte esta noticia

A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, instou á cidadanía galega a converter o "cabreo" coas forzas políticas estatais nun "acto reivindicativo" mediante o apoio nestas eleccións xerais á formación nacionalista. Fíxoo durante a presentación da candidatura do BNG ao Congreso, encabezada por Néstor Rego, quen pediu "confiar" neste partido para "dar voz" a Galicia, porque nestes momentos "non ten quen a defenda" a nivel estatal.

Nun acto na praza de Azcárraga da Coruña e coa presenza de membros da candidatura, entre eles o número dous, a exedil no Concello herculino, María Xosé Bravo, Pontón recalcou que estas eleccións "non van do futuro de Sánchez ou de Casado", sinalou en referencia aos líderes do PSOE e do PP.

"Non vai desa maraña de siglas", engadiu sobre En Común-Unidas Podemos e confluencias como Máis País. "Vai de que Galicia teña voz", engadiu en liña co discurso da cabeza de lista do BNG ao Congreso pola Coruña.

Esta "voz" reclamouna para que o país conte con actuacións que permitan a modernización do seu ferrocarril, plans para as rías ou "unha transición xusta" para a central térmica das Pontes (A Coruña), citou, entre outros exemplos.

"Esta campaña vai de que Galicia poida cambiar o rumbo e defender a nosa dignidade como nación", recalcou Pontón, quen arremeteu contra as forzas políticas estatais, das que denunciou a súa "inutilidade e incompetencia". Delas, afirmou tamén que só buscan "intereses partidistas" en lugar de buscar solucións para os problemas que presenta España e, en particular, Galicia.

A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, na presentación da candidatura desta formación ao Congreso
A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, na presentación da candidatura desta formación ao Congreso | Fonte: BNG

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 3 comentarios

3 Teodosio

Preguntovos....que necesidade tiñamos do espectáculo desta semana acordando con uns larpeiros que andan ao que andan. Pensei que no BNG tiñamos un listón...non vale pintar o ridículo con calquera.

2 Roxalia

E para "defender á nazón galega" preséntanse cun CxG dirixido por exmembros de C's e Vox. Todo ben.

1 anonimo

¿ Transición xusta da central das Pontes a qué ? ¿ Cal é a alternativa ? E a modernización dos ferrocarriles que non están modernizados é carísima porque compre facer un trazado totalmente novo, o que hai non vale para hoxe. Coruña - Vigo ( 200 kh/hora) e Santiago - Ourense ( 300 km/hora)xa teñen un trazado para velocidade alta, pero o resto das liñas, non. Moita vaguedade e, semella, poucas ideas reais.