Por Europa Press / Redacción | A CORUÑA | 14/10/2019 | Actualizada ás 17:14
A Real Academia Galega (RAG) lanzou un novo espazo de web, publicacions.academia.gal, que permite consultar 200 publicacións propias desde o ano 1906. Esta nova ferramenta está concibida para facilitar a consulta aos usuarios e o acceso directo a un importante número de títulos.
O portal permite consultar o catálogo de monografías propias saídas desde o ano de inauguración da institución ata a actualidade, máis de 350 volumes, 200 de cales están dispoñibles en PDF de descarga gratuíta.
O portal foi presentado este luns polo presidente da RAG, Víctor F. Freixanes; o secretario da institución, Henrique Monteagudo; e os responsables dos departamentos de publicacións e informática, Nélida Cosme e Juan Montenegro.
"Con esta nova web, a Real Academia Galega avanza no compromiso coa promoción de acceso universal ao seu patrimonio aproveitando as tecnoloxías da información e a comunicación", destacou o presidente. A institución, segundo informa, espera aumentar proximamente o número de título propios dispoñibles na Rede.
A web ofrece, entre outras moitas monografías, os discursos de ingreso da Real Academia Galega de figuras como Castelao, Antón Vilar Ponte, Ramón Otero Pedrayo ou Álvaro Cunqueiro; os volumes da colección sobre toponimia 'Terra Nomeada'; as actas das Xornadas de Onomástica Galega dedicadas aos alcumes, a microtoponimia e os nomes propios ou as antoloxías sobre as Irmandades da Fala.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.