SOS Sanidade Pública

A sanidade pública está en perigo. As medidas adoptadas nas autonomías gobernadas pola dereita ultraliberal (reducción severa dos orzamentos sanitarios, concesión da xestión sanitaria a mans privadas, imposición de copagamentos, externalización progresiva de diversos servizos e actividades, restriccións no acceso aos servizos sanitarios etc.) provocan un serio deterioro dos servizos sanitarios e poñen en risco o seu futuro.

Por Pablo Vaamonde | A Coruña | 01/06/2012

Comparte esta noticia

Pero o goberno central ven de dar un paso decisivo nesta contrarreforma sanitaria. En contra do anunciado na campaña electoral o Partido Popular está a degradar os servizos públicos dun xeito alarmante. O Real Decreto Ley 16/2012 –imposto por vía de urxencia, sen debate parlamentario- suprime o dereito á atención sanitaria dos cidadáns e recupera a figura do “asegurado”: só terán dereito á prestación sanitaria as persoas que coticen á Seguridade Social.

Quedan excluidos diversos colectivos da poboación: inmigrantes, mozos-/as maiores de 26 anos que non teñan contrato laboral, persoas separadas que non tiveran cotizado etc. Tamén esteblece unha serie de copagamentos que veñen representar, na realidade, un novo imposto á enfermidade. 

Esta medida representa un retroceso histórico de tres décadas. Coa Lei Xeral de Sanidade (1986) recoñeceuse o dereito dos cidadáns á atención sanitaria e iniciouse un camiño firme para garantir a cobertura universal de toda a poboación. Coa aplicación desta nova lei haberá cada vez máis colectivos cidadáns desprotexidos, que terán que recurrir á beneficencia e á caridade. Volvemos a unha sanidade dualizada (porta para os ricos, porta para os pobres).
 
Non é a crise a responsable destas medidas: só é a excusa. O Partido Popular está a aplicar na sanidade a súa axenda oculta. Hai unha estratexia global para degradar e desprestixiar o noso sistema sanitario, e para procurar espazos de negocio a costa dos orzamentos públicos aos grupos empresariais afíns. Esta estretexia global (impulsada polo FMI e os potentes lobbys sanitarios) é executada a nivel local por faccións de ultradereita que ocupan o espazo público para deterioralo desde dentro, como troianos. Núñez Feijóo é alumno aplicado nestas tarefas e ten experiencia: no seu día xa privatizou Correos. 
 
A plataforma SOS Sanidade Pública ten convocada unha manifestación para o vindeiro domingo, día 3 de xuño, en Santiago de Compostela. É o momento de expresar, de forma unitaria e masiva, o noso desacordo radical con estas decisións políticas que están destruir o estado de benestar que tanto custou construir, e que veñen representar un auténtico saqueo dos orzamentos públicos. 

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Pablo Vaamonde Nado na Baña en 1956. É médico de familia no Centro de Saúde de Labañou (A Coruña). Foi fundador e director da revista médica Cadernos de Atención Primaria (1994-2005), presidente da Asociación Galega de Medicina Familiar e Comunitaria (AGAMFEC) de 1996 a 2005 e vicepresidente do Colexio Oficial de Médicos de A Coruña e responsable do Programa de Formación Continuada de 1998 a 2005. Foi director xeral de Asistencia Sanitaria do Sergas entre 2005 e 2006. Tamén foi membro da Comisión Sectorial de Sanidade que elaborou o Plan Xeral de Normalización da Lingua Galega, colaborador habitual dos medios e autor de tres libros de narrativa: O fillo do emigrante (2002), O mes de abril (2004), Luz Divina e outros retratos (2006). Recibiu o Premio Lois Peña Novo en 2005, polo seu compromiso na promoción e defensa da língua de Galicia e é colexiado de Honra con Emblema de Prata (2007) do Colexio Oficial de Médicos da provincia de A Coruña.