Mar Capeáns, científica: “Necesitamos construír un liderado feminino na ciencia e na tecnoloxía”

A experta en enerxía nuclear do CERN pechou a edición 2019 do programa 'GIRL STEM' impulsado por Agasol e a Xunta, que pon en contacto mulleres líderes en Ciencia e Tecnoloxía con rapazas de ESO e Bacharelato.

Por Galicia Confidencial | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 16/10/2019 | Actualizada ás 09:00

Comparte esta noticia

Mar Capeáns, física de partículas no CERN (Consello Europeo para a Investigación da Enerxía Nuclear), presentou este luns o programa 'GIRL STEM: derrubando estereotipos', nun encontro con 250 rapazas e rapaces do IES de Chapela, o CPI Toural de Vilaboa, o IES Plurilingüe Anton Losada Diéguez da Estrada, e os IES A Xunqueira I e II. Nesta sesión achegou datos e razóns que explican por que a presenza das mulleres é máis reducida ca dos homes nos estudos e profesións científicas e tecnolóxicas.

Mar Capeáns, científica do CERN
Mar Capeáns, científica do CERN | Fonte: Twitter Senén Barro

Durante o encontro, impulsado pola Asociación Galega de Empresas de Software Libre (Agasol) e a Amtega da Xunta de Galicia, Mar Capeáns explicoulle ao alumnado o traballo que desenvolve no CERN, o laboratorio mundial onde colaboran científicas e científicos de todo o mundo en investigacións arredor da enerxía nuclear e o acelerador de partículas que, según precisou, é un anel de 10.000 imáns superconductores de 27 km de lonxitude a 100 metros baixo terra.

 

A científica contou que "para alcanzar retos científicos necesitamos desenvolver moita tecnoloxía e para realizar ese traballo son necesarios perfís de diversas enxeñerías en diferentes ámbitos". Arredor desta idea, relatou o proceso do descubrimento do Bosón de Higgs, calificándoo como "un dos descubrimentos máis importantes da física actual, un momento moi ilusionante e un paso histórico para a humanidade, co que puidemos demostrar que non existe o baleiro no universo e que foi posible grazas á colaboración de miles de científicos e científicas traballando en equipo". Neste sentido animou o alumnado a participar dos cambios tecnolóxicos que nos agardan nun futuro moi cercano e achegoulles consellos para descubrir os seus talentos, desenvolver unha visión propia sobre cada proxecto, defender o seu espazo e dicir sempre si a cada reto que se lles presente.

 

LIDERADO FEMININO

 

Adentrándose no tema da fenda de xénero nos ámbitos STEM, Capeáns asegurou que "necesitamos construír un liderado feminino porque as mulleres podemos achegar á ciencia a nosa visión e o noso xeito de facer as cousas" e engadiu que só un 20% das persoas que traballan no CERN son mulleres, unha porcentaxe moi similar á que atopamos no resto de institucións científicas e universidades arredor dos ámbitos científicos e tecnolóxicos. Neste sentido manifestou que "cando investimos en mulleres e lles damos oportunidades, os resultados son espectaculares, así que temos que ser xenerosas e inspiradoras para que outras se acheguen a estas profesións.

 

Acerca do traballo que ela desenvolve no CERN explicou que "só un 40% do que fago é ciencia, o resto é coordinar persoas, motivalas, atender as súas necesidades, deixar que desenvolvan as súas ideas e potencialidades e combinalo todo par alcanzar un reto científico". Engadiu, ademais, que "isto non é un traballo de homes ou de mulleres, pero en todo caso os valores femininos poden ser moi valiosos neste campo"; e concluiu afirmando que "a ciencia e a tecnoloxía serven para o progreso da humanidade e é moi importante que as mulleres formemos parte dese avance. Canta máis ciencia mellor, cantas máis mulleres na ciencia, mellor".

 

O PROGRAMA

 

A iniciativa 'GIRL STEM' é un programa de mentoring con mulleres referentes de recoñecido prestixio que, a través de diferentes sesións de traballo, achegarán a súa experiencia ás máis novas, falando da súa traxectoria, clarificando dúbidas e contribuíndo a derrubar estereotipos. O obxectivo desta iniciativa é contribuír a reducir a fenda de xénero que existe entre mulleres e homes nos estudos nos campos STEM (Ciencia, Tecnoloxía, Enxeñería e Matemáticas), nas que o alumnado feminino apenas se sitúa en torno ao 25%. 

 

MAR CAPEÁNS

 

Científica Senior no CERN (Consello Europeo para a Investigación da Enerxía Nuclear) en Xenebra, Suíza, Mar Capeáns é doutora en Física pola Universidade de Santiago de Compostela, e posúe un MBA en Xestión de proxectos tecnolóxicos pola *École Polytechnique Fédérale e Universidade de Lausanne (Suíza). Incorporouse ao CERN en 1992 e tras seis anos traballando en proxectos de I+D para atopar as tecnoloxías de detección apropiadas para os experimentos do Large Hadron  ollider ( LHC), en 1998 únese ao laboratorio Deutsches Elektronen-Synchrotron (DESY) en Alemaña e participa no deseño, a construción e posta a punto do detector do experimento HERA-B.

 

Experta no deseño e construción de detectores de partículas e a xestión de grandes proxectos tecnolóxicos, lidera o grupo de Tecnoloxía de Detectores do CERN desde 2012 ata 2017. A Doutora Capeáns publicou máis de 450 artigos científicos no campo da Física de Altas Enerxías e a instrumentación, é editora da revista Journal of Instrumentation (JINST), e serviu como asesora en Consellos Científicos e na avaliación de financiamento competitivo de programas de Física de partículas para programas da Comisión Europea e tamén en proxectos internacionais.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta