Os XII Coloquios Internacionais Compostela estudarán as peregrinacións no século XXI

Expertos de universidades de Israel, Estados Unidos ou Reino Unido abordarán este fenómeno entre o 23 e 24 de outubro.

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 15/10/2019 | Actualizada ás 14:59

Comparte esta noticia

Santiago acollerá entre o 23 e 24 de outubro a XII edición dos Coloquios Internacionais Compostela, unha cita "consagrada" e que sitúa á capital galega ao máis alto nivel da investigación sobre o fenómeno das peregrinacións no ámbito internacional.

Impulsados polo Instituto de Estudos Galegos Pai Sarmiento, desde o CSIC, esta nova edición contará con expertos de universidades e centros procedentes de Israel, Estados Unidos, Canadá ou Reino Unido, entre outros, que examinarán as investigacións sobre os fenómenos de peregrinaxe realizadas no século XXI.

En rolda de prensa, o director do centro, Eduardo Pardo de Guevara y Valdés, destacou a traxectoria desta iniciativa, cuxas conclusións e avances derivan sempre en edicións bibliográficas "de gran altura científica" no ámbito internacional das peregrinacións, a través de Routlege.

Neste sentido, a directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, trasladou a "importancia" que supón para a Administración galega este tipo de traballos, nos que diferentes expertos internacionais traballan entre eles para abordar o "necesario estudo" do fenómeno das peregrinacións.

Este coloquio permite, así, dar "continuidade ao traballo colectivo de conservación da identidade de Galicia", o fenómeno Xacobeo, unha efeméride que abre Galicia a Europa "e cada vez máis ao resto do mundo".

"E está máis vivo que nunca", asegurou, cun incremento do 8 por cento do ritmo de peregrinos que acoden a recoller a Compostela e con turistas de 180 países diferentes, algo "nunca antes visto" en Galicia.

"UNHA REFERENCIA INTERNACIONAL"

O vicedirector do IEGPS, Antón M. Pazos, incidiu en que estes coloquios supoñen "unha referencia internacional", tanto polas decenas de investigadores que pasaron por Compostela para debater sobre os fenómenos das peregrinacións como polas publicacións impulsadas por mor destes traballos, que se atopan a día de hoxe en "centos de universidades de todo o mundo".

Este ano, os coloquios abordarán as investigacións realizadas nas últimas dúas décadas e disertarán sobre estes fenómenos de modo "transversal", desde a antropoloxía ou a economía, ademais do efecto que ten nas comunidades o retorno dos peregrinos.

As diferentes sesións contarán con relatorios sobre o protestantismo e a peregrinación, as peregrinacións católicas, o Islam, a relación co nacionalismo ou o caso da posperegrinación, entre outros temas.

Presentación da XII edición dos Coloquios Internacionais Compostela. CSIC
Presentación da XII edición dos Coloquios Internacionais Compostela. CSIC | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta