Só un minuto. Un.

Durante os Xogos Olímpicos de Munich de 1972, hai agora xa 40 anos, membros do grupo terrorista palestino de Setembro Negro asasinaron a once membros (atletas e adestradores) do equipo olímpico israelí. Agora, cando achegámonos ao 40 cabodano desta traxedia que tinxiu de loito ao mundo do deporte internacional, sería un magnífico momento para que o Comité Olímpico Internacional (COI) rectifique a súa desidia e apatía de décadas rendindo unha sinxela, moi sinxela homenaxe á memoria dos atletas asasinados.

Por Pedro G.-Valadés | Vigo | 05/06/2012

Comparte esta noticia
Mais lamentablemente, a demanda de recoñecemento feita polo Comité Olímpico Israelí foi rexeitada polo COI. Ainda máis, as constantes solicitudes no mesmo sentido presentadas durante décadas polas familias das vítimas tiveron como resposta constante o rexeitamento sistemático. Este 40 cabodano do atentado terrorista sería un escenario óptimo para lembrar ao mundo que os Xogos Olímpicos establecéronse para enviar unha mensaxe de esperanza e de paz a través do deporte e que a asasinato de deportistas durante unhas olimpiadas non poden ter xamais unha resposta morna nin vergoñante. Ainda que estes deportistas sexan xudeus e israelís.
 
Desde Israel, vense de colgar na rede un pequeno vídeo de só un minuto de duración, titulado "A un minuto", no que se insta ao COI para que dedique un minuto de silencio durante a cerimonia de inauguración dos vindeiros Xogos Olímpicos de Londres, en recordo da masacre de Munich 72. 
 
En resposta á negativa do COI de honrar nas Olimpiadas deste ano a memoria dos atletas asasinados, desde o Comité Olímpico Israelí estase a traballar para tentar acadar apoios públicos para a campaña emprendida polas propias familias das vítimas que estiveron traballando a prol dun recoñecemento oficial desde hai xa 40 anos. 
 
O Comité Olímpico Internacional debe recoñecer a terríbel traxedia sucedida nas Olimpiadas de Munich 72. A demanda de gardar un minuto de silencio é razoábel. Demanda esta que ninguén debera mesturar coa política nin co conflito palestino-israelí. Atrévome a dicir que un pode ser crítico, moi crítico ou incluso hipercrítico co Estado de Israel e pola contra apoiar esta demanda xusta e humanitaria. Xusta, humanitaria e acorde co espírito olímpico. Estou certo de que o Barón de Coubertin, pai das modernas Olimpiadas, apoiaría sen dubidalo esta demanda.
 
Por último e como anécdota macabra, que non é anécdota, lembremos que as celebracións previstas para o día seguinte da adxudicación por parte do COI da organización das Olimpiadas de 2012 a Londres ficaron traumaticamente interrumpidas polos brutais ataques terroristas sufridos na capital británica o 7 de xullo de 2005 contra o metro de Londres e onde causaron a morte de 52 persoas. Que Londres 2012 non amose máis sensibilidade á demanda presentada por mor do 40 cabodano da masacre de Munich 72 é simplemente incomprensíbel e inxustificábel. 

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Pedro Gómez-Valadés Presidente da Asociación Galega de Amizade con Israel-AGAI, membro da coordinadora estatal de Tarbut Sefarad e membro da Executiva en Vigo de Compromiso por Galicia-CxG.