O Parlamento pide ao Goberno central "potenciar" o papel do procurador xudicial na fase de execución de sentenzas

Remarcan que a "ampliación" das súas capacidades para executar embargos e dilixencias "permitiría desenvolver as execucións máis rápido e, desta maneira, ampliar a capacidade dos xulgados para resolver máis casos".

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 16/10/2019 | Actualizada ás 19:33

Comparte esta noticia

O Parlamento de Galicia aprobou unha iniciativa para reclamar ao Goberno central a "potenciar" o papel do procurador na administración de xustiza e que estes poidan colaborar á hora de executar as sentenzas xudiciais ou na investigación de bens.

A proposición non de lei presentada polo PPdeG na Comisión 1ª da Cámara galega saíu adiante este mércores cos votos favorables dos populares, aos que se sumou o grupo mixto. O resto de formacións da oposición --PSdeG, Común da Esquerda e BNG-- abstivéronse.

Así, a Cámara insta o Goberno autonómico a solicitar ao Executivo central que modifique a lei para así "potenciar o papel do procurador como colaborador da Administración de xustiza, tamén na fase de execución das resolucións xudiciais, coa realización de actos de cooperación acorde coas fórmulas empregadas no Dereito Europeo e coa finalidade de axilizar os procedementos xudiciais".

A encargada de defender a iniciativa do PPdeG foi a deputada Julia Rodríguez, que puxo o foco no "papel determinante" que desempeñan os procuradores como "intermediadores" entre os xuíces e os cidadáns.

"O seu é un papel imprescindible para os avogados, que só así poden ter garantía da evolución do proceso", apuntou a parlamentaria, que subliñou que a "extensión" das funcións dos procuradores "está a ser moi efectiva".

Así mesmo, remarcou que a "ampliación" das súas capacidades para executar embargos e dilixencias "permitiría desenvolver as execucións máis rápido e, desta maneira, ampliar a capacidade dos xulgados para resolver máis casos".

COLEXIO DE PROCURADORES DE VIGO

Leste mesmo mércores, despois de coñecerse a aprobación da iniciativa, o Colexio de Procuradores de Vigo emitiu un comunicado no que celebran a decisión da Cámara que, de levarse a cabo, "permitiría axilizar todas as execucións xudiciais e resolver o atasco xudicial".

Así, aseguran que a figura do 'procurador executivo' reduciu "á metade" o astasco xudicial en Portugal desde a súa creación no ano 2003. "No caso de Vigo, permitiríanos multiplicar por dez a capacidade actual dos xulgados para executar embargos e dilixencias sen custo algún para a Xunta nin para o Estado", indicou o decano do colexio, José Antonio Fandiño.

Parlamento. EUROPA PRESS
Parlamento. EUROPA PRESS | Fonte: ELISA PIÑÓN

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta