Os empresarios galegos estiman que aumentarán beneficios durante o cuarto trimestre do ano

O informe Exceltur sinala que Galicia "apenas nota o efecto" da quebra do operador de turismo británico Thomas Cook ou a "incerteza internacional derivada do Brexit".

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 17/10/2019 | Actualizada ás 18:29

Comparte esta noticia

O último informe de Exceltur sobre perspectivas turísticas e balance empresarial do terceiro trimestre de 2019 indica que tres de cada catro empresarios do sector turístico galego esperan aumentar ou manter os seus beneficios no cuarto trimestre do ano, coincidindo coa tempada media-baixa do outono.

Segundo informou a Xunta a través dun comunicado, as previsións de melloría son xeneralizadas na maior parte das autonomías, aínda que as expectativas do sector galego superan amplamente a media española, que se sitúa nun 56%. De feito, Galicia é a sétima Comunidade con mellores expectativas, segundo Exceltur, Alianza para a Excelencia Turística, que representa as relevantes empresas do sector.

Así mesmo, o informe reflicte que Galicia "apenas nota o efecto" da quebra do operador de turismo británico Thomas Cook ou a "incerteza internacional derivada do Brexit", que si teñen unha gran repercusión en territorios como Baleares ou Canarias.

Do mesmo xeito, o Índice de Confianza Turístico Empresarial no Sector Aloxamento (ICTUR) sitúase na Comunidade en positivo, no 7,9%, fronte ao valor negativo do -3,8% rexistrado a nivel estatal.

O informe de Exceltur recolle, ademais, a valoración dos empresarios turísticos sobre o terceiro trimestre do ano, correspondente aos meses do verán. Neste período, o sector da comunidade percibiu un aumento xeneralizado dos principais indicadores analizados. En concreto, segundo esta enquisa, creceu ou se mantivo o emprego no 94,9% dos casos, os beneficios no 77%, as vendas no 76,2%, as reservas no 75,2% e os prezos no 73,5%.

Praia de Arealonga, en Barreiros
Praia de Arealonga, en Barreiros | Fonte: Turismo de Galicia

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta