Condenado por "forzar" a súa filla a comer "máis aló do razoable" mentres a insultaba

Os feitos remóntanse ao 2016, cando a menor se atopaba no domicilio do seu pai segundo establecía o réxime de visitas vixente, en compañía do seu irmán, de once anos, e da avoa paterna.

Por Europa Press / Redacción | PONTEVEDRA | 18/10/2019 | Actualizada ás 12:14

Comparte esta noticia

A Audiencia de Pontevedra confirmou a condena a un pai pontevedrés que "forzou" a súa filla a comer "grandes cantidades de comida", "máis aló do razoable", mentres lle berraba e a chamaba "gorda e porca".

Así o establece o auto que confirma unha sentenza previa do Xulgado de Instrución número 2 de Pontevedra, que condena ao pai a pagar unha multa de 150 euros por un delito leve de coaccións.

Os feitos remóntanse ao mes de agosto de 2016, cando a menor se atopaba no domicilio do seu pai segundo establecía o réxime de visitas vixente, en compañía do seu irmán, de once anos, e da avoa paterna.

Segundo recollen os feitos probados, a nena chegou a casa dicindo que comera en casa dunha amiga e non quería cear, momento no que o pai, "enfadado polos hábitos alimenticios da menor", decidiu "facerlle comer moita comida".

"Con esa intención, díxolle que ía comer ata que el dixese que parase e púxolle varios bocadillos, ensalada, orella e queixo", apunta o fallo, que destaca que a intención era "obrigala a comer unha cantidade importante de comida".

A escena, ademais, desenvolveuse entre "berros" do pai, que "na tensión do momento", a chegou a chamar "gorda e porca", explica o tribunal.

Tras unha hora nesa situación chegou a Policía, que fora alertada pola nai despois de que o irmán menor da vítima a avisara do que estaba a suceder. A nena foi trasladada ao hospital cun cadro de ansiedade.

UNHA CONDUTA DESPROPORCIONADA

Para rexeitar o recurso interposto polo pai, a Audiencia, entre outras cuestións, rexeita que os feitos se producisen "nun contexto educacional" e asegura que se trata dun "suposto de desproporcionalidade".

"Estamos ante a imposición dunha conduta nunha situación hostil, con berros, e que é totalmente allea á conduta educativa e de corrección que ampara o artigo 154 do Código Civil", afirma o tribunal, que prosegue dicindo que "o feito de obrigar a un fillo a comer máis aló do razoable, ata fartarse, claramente non é unha conduta xustificada nin xustificable".

Sala de xuízos da Audiencia Provincial
Sala de xuízos da Audiencia Provincial

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta