Por Europa Press / Redacción | A CORUÑA | 15/07/2025 | Actualizada ás 14:49
O novo presidente do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG), Ignacio Picatoste Sueiras, reivindicou unha Xustiza empática que responda as necesidades "reais" da cidadanía e reiterou o seu compromiso con "a loita contra a violencia de xénero e a atención ás vítimas vulnerables". Ademais, apuntou que os xuíces e xuízas teñen que "implicarse e ser ouvidos" no actual proceso de transformación da Administración de Xustiza.
Fíxoo durante o discurso de toma de posesión do seu cargo. Foi nun acto presidido pola presidenta do Tribunal Supremo e do Consello Xeral do Poder Xudicial (CGPJ), Isabel Perelló, celebrado, este martes, na sede do alto órgano galego, situada na Coruña. Ao mesmo asistiron, entre outros, o presidente da Xunta, Alfonso Rueda; o delegado do Goberno en Galicia, Pedro Blanco; o presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso; e o fiscal superior de comunidade galega, Fernando Suanzes.
No seu discurso, Picatoste incidiu en tres ideas que pretende que inspiren o seu mandato: "Gratitude, deber e responsabilidade". Así mesmo, destacou a "responsabilidade" dos xuíces e xuízas "na defensa dun poder constitucional independente que achega seguridade". Unha seguridade, segundo expuxo, como "reforzo e consolidación da evolución e dos logros dunha sociedade aberta no marco constitucional dun Estado social e democrático de Dereito".
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.