Condenado a 20 anos de cárcere o home que violou, denigrou e agrediu durante 19 días a unha moza en Ourense

A sentenza recolle que o procesado "obrigouna a beber alcol, a consumir sustancias estupefacientes, a inxerir os seus propios vómitos, a cortarse o pelo e a bañarse cunha mangueira de auga fría".

Por Europa Press / Redacción | OURENSE | 22/10/2019 | Actualizada ás 17:57

Comparte esta noticia

A sección segunda da Audiencia Provincial de Ourense condenou a 20 anos de cárcere ao home que secuestrou a unha moza durante 19 días en Ourense, ademais de agredila sexualmente, golpeala e sometela, "con violencia e intimidación", a un trato degradante "con continuas humillacións e vexacións".

Por todo iso, o sospeitoso foi condenado como autor dos delitos de detención ilegal, agresión sexual continuada e contra a integridade moral. Os maxistrados tamén lle impuxeron dous anos e medio de cárcere ao pai e á nai do acusado, así como aos seus tres irmáns, como cómplices dun delito de detención ilegal, porque axudaron a reter á vítima na vivenda familiar.

Ademais dos golpes que lle propinou, o tribunal relata na sentenza que o procesado "obrigouna a beber alcol, a consumir sustancias estupefacientes, a inxerir os seus propios vómitos, a cortarse o pelo e a bañarse cunha mangueira de auga fría". Así mesmo, o condenado non lle permitiu comer "en diversos días" porque lle dicía que estaba "moi gorda".

"O agresor, coa complicidade dos seus pais e irmáns, atentou contra a liberdade, dignidade e indemnidade sexual da vítima, á que privou ilicitamente da súa liberdade durante 19 días", recalcan os xuíces no seu escrito, onde subliñan que "a fixo obxecto, de maneira violenta, de reiteradas agresións sexuais e de plurais actos vexatorios".

SACIAR O SEU DESEXO SEXUAL

Con esa privación de liberdade, segundo a Audiencia, pretendía "saciar o seu desexo sexual, obter diñeiro da conta bancaria da moza a través dos caixeiros aos que a conducían e forzala a acompañalos a pedir esmolas e a roubar en casas".

O testemuño da vítima, segundo o tribunal, é "claro, reiterado, concluínte e digno de crédito" e, ademais, está "corroborado polas probas documentais, periciais e testificales practicadas".

O condenado tamén foi sentenciado á prohibición de comunicarse e aproximarse á afectada durante 23 anos e a abonarlle unha indemnización de 8.855 euros polos prexuízos persoais e de 12.000 euros polo dano moral que lle causou. Contra a resolución cabe interpor recurso de apelación nun prazo de dez días a contar desde a súa notificación.

O home detido
O home detido | Fonte: GARDA CIVIL

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta