Afundación leva a Allariz a exposición 'Auga. O sangue da terra'

Trátase da obra do fotógrafo Manuel Valcárcel. Haberá tamén unha programación de actividades educativas paralelas á mostra.

Por Galicia Confidencial | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 22/10/2019 | Actualizada ás 19:09

Comparte esta noticia

Abanca, Afundación e o Concello de Allariz (Ourense) asinaron este martes un convenio de colaboración cultural mediante o que se desenvolverá a exposición 'Auga. O sangue da terra', obra do fotógrafo Manuel Valcárcel, e unha programación de actividades educativas paralelas á mostra.

Exposición 'Auga. O sangue da terra'
Exposición 'Auga. O sangue da terra' | Fonte: Afundación.

Á firma do convenio asistiron Cristina Cid Fernández, alcaldesa de Allariz, Mateo Alonso San Román, coordinador de Negocio Institucional de Abanca en Ourense, e a coordinadora Institucional de Afundación para Ourense e Lugo, Beatriz Fernández-Anguiano.

A exposición 'Auga. O sangue da terra' realiza un percorrido pola relación do ser humano coa auga mediante fotografías dos cinco continentes.

Lugares tan remotos como Nova Zelandia, India, China, Níxer ou o deserto de Atacama e outros próximos, como a conca do lucense río Lor foron fotografados por Manuel Valcárcel e recollidos neste proxecto expositivo que ten como obxectivo valorar a importancia da auga como elemento vital.

Esta mostra, de entrada libre e gratuíta, inaugurarase o próximo 7 de novembro na Casa de Cultura de Allariz e permanecerá aberta ata o 30 de novembro.

Esta colaboración é parte do proxecto 'Corrente cultural', que considera a arte "como un instrumento imprescindible para fomentar o coñecemento e o desenvolvemento colectivo", apuntan desde a entidade. 

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta