Por Paco Gallego | Nigrán - Pontevedra | 13/06/2012 | Actualizada ás 10:50
PortAmérica é un festival que nace coa idea de conectar musical e socialmente os dous lados do Atlántico e, ao mesmo tempo, exercer de plataforma de consolidación para todos eses grupos galegos emerxentes que empezan a facerse oír e necesitan oportunidades que lles permitan despegar de forma definitiva. Precisamente por iso, o cartel do festival portAmérica defínese ao longo dos seus 18 nomes. Todos eles igual de imprescindibles e valiosos á hora de dar forma e carácter a este evento musical diferente que pretende ser moito máis que un festival.
O resultado son tres días de música independente, que ondula dende o pop máis melódico ao rock puro de guitarra, o punk ou o son electro. Este cartel transatlántico, con artistas do talle de Julieta Venegas, Vetusta Morla, Iván Ferreiro, Love of Lesbian, Xoel López, Eladio y los Seres Queridos, Combo Dinamo, Srasrsra, Colectivo Oruga, a Orquesta Metamovida ou Martynez, entre outros. Un cartel máis que recomendable que aposta porlas bandas emerxentes galegas como valor seguro.
PortAmérica nace co obxectivo social de fortalecer os valores vencellados ao optimismo realista, de facilitar a implementación de novos modelos de desenvolvemento, de poñer en valor real o coñecemento, a experiencia dos individuos, a innovación como revulsivo e de facilitar a necesaria optimización dos recursos produtivos.
Así, para acadar estes obxectivos propostos, o festival abre dous espazos destinados á innovación no propio recinto do festival: MercaInnova e Gastro. En ambos os dous espazos, empresas, emprendedores, produtores, negocios ou colectivos poden presentar e mesmo comercializar os seus produtos, servizos ou proxectos durante os días do festival, tamén participando previamente nas distintas campañas de difusión.
Mercainnova será un mercado multisectorial no que os interesados poden solicitar un espazo con o fin de promover o seu proxecto, produto ou servizo. O obxectivo deste mercado é dar visibilidade ao talento e a innovación, para o que está xa aberta unha convocatoria de pre-inscrición gratuíta.
Gastro estará destinado aos produtos gastronómicos e a restauración. Empresas, pequenos negocios, produtores e emprendedores poden solicitar un espazo a través dunha pre-inscrición gratuíta para poder amosar os seus produtos e, no caso de resultar viable dende o punto de vista da organización, poder enriquecer a oferta gastronómica dentro do propio recinto do festival.
A convocatoria para participar en ambas as dúas zonas está aberta dende o pasado luns 4 de Xuño. Pódese realizar a pre-inscrición a través dun formulario na web www.portamerica.es, onde se pode encontrar información ampliada.
O evento conta con diferentes redes sociais: facebook, Linkedin e Twitter.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.