Encontro cunha estrela

Que sucede cando falas cara a cara cun ídolo da adolescencia? Será unha experiencia que coincida cos soños?

Por Ramón Torrado | Ribeira | 25/10/2019

Comparte esta noticia
O sábado, 20 de outubro de 2019, entras por primeira vez na coruñesa sala de concertos Garufa, situada a poucos metros da praia de Riazor. Como ten algunhas mesas e asentos na marxe esquerda, lémbrache lixeiramente na penumbra ó café Fidelio visitado por Tom Cruise en “Eyes Wide Shut”, a fascinante despedida de Stanley Kubrick.
 
Estás aquí para ver dúas bandas de tributo, as que se levan nestes tempos nos cales escasean artistas míticos como os que había nos anos 70 e 80. A primeira formación, chamada Harold & the Barrels, rende homenaxe aos Genesis da primeira etapa, os de Peter Gabriel. O cantante, Juan Talavera, garda un extraordinario parecido co actor David Strathairn, protagonista da película de George Clooney “Boas noites e boa sorte”. Ten un carisma especial, e sae a escena cun adorno surrealista que retrotrae o ambiente a época do rock progresivo. Está acompañado por cinco estupendos músicos, un deles ídolo teu durante décadas.
 
Chama a atención a contundencia do batería, unha tormenta que se comprende ó saber que se trata de Fernando Sánchez, membro dos célebres Obús, dignos da forza que promete o seu nome. Non coñeces as cancións dos primeiros Genesis, longas e sinfónicas, pero quedas abraiado co nivel que estes músicos acadan na súa versión de “Firth of Fifth”. Unha parte da suntuosa grandeza procede do baixista, que é o teu antigo ídolo. Vai vestido con viseira e pantalón de coiro, como un motorista, e leva unha camiseta que di “Crazy Love”. O cantante xógalle unha broma coa partitura, pero el toca imperturbable - con singular destreza na man dereita cuberta de aneis - o baixo de cinco cordas. El tamén foi compoñente dunha banda mítica na historia da música popular española. Oxalá poidas falarlle.
 
Cando remata o primeiro concerto - seguido con fervor por moitas persoas maiores que non sospeitarías que foran tan apaixonados amantes do rock - chega a quenda para a segunda banda de tributo. Son catro e chámanse The Polizones, xa que renden honores ó teu grupo favorito, The Police. Escollen algúns temas menos coñecidos, pero non deixan de interpretar os máis famosos do trío dourado de Sting, Andy Summers e Stewart Copeland. 
 
Ó escoitar as competentes recreacións de cancións que amas, as túas sensacións, sorprendentemente, non son de ledicia, senón dunha profunda melancolía. Xorden bágoas interiores polo que era, polo que non puideches ver en persoa na época do máximo esplendor (de 1978 a 1984) da banda do cantante e baixista de Newcastle, Sting (máximo ídolo, a quen te daría medo coñecer). Comprobas, iso si, a inmarcescible maxia dunhas composicións eternas, que dan pé, por exemplo, a múltiples variacións no baixo, na guitarra e na batería, e a improvisacións de voces nunha sorte de cánticos xamaicanos que se interpretan en sinerxía co público.
 
Volvamos a uns minutos antes da actuación dos novos policías. José Luis Pérez, “Guny”, achégase á barra, antes de escoitar respectuosamente, ó igual que os seus compañeiros, ó grupo Polizones. Guny era un compoñente de Asfalto, formidable banda madrileña de rock urbano que obtivo dous logros importantes: ser o primeiro grupo español en actuar na londiniense sala Marquee, e sacar o primeiro disco dobre español, que é ademais o teu preferido na súa discografía: o precioso “Déjalo así”. Publicado en 1981, mostra como o grupo – dun xeito parecido a como fixeron Yes (Run Through the Light, Owner of a Lonely Heart), Rush (en moitas cancións) ou os propios Genesis (Tell Me Why) con Phil Collins de cantante – realizaría un proceso de adaptación do rock progresivo á música new wave ou postpunk a través de esquemas do trío Police, en temas como “Díselo”.
 
Reunindo valor, fálaslle. Non queres molestar. Ten lugar esta brevísima conversa:
 
      - Ola, Guny. Gran concerto. Son un fan de Asfalto. Unha pregunta: había influencias de Police en Asfalto?
      - No.
      - Non eras ti quen cantaba a de “Vendedor furtivo”?
      - Ben, pode ser que nesa si.
      - Fixen un vídeo para YouTube sobre os mellores baixistas da música española, e saes ti. Segues tocando de marabilla.
      - Xa é demasiado tarde para facer outra cousa.
 
E vaise. Ofréceslle a túa man, pero ó parecer non a ve. En todo o tempo, non hai unha palabra de agradecemento nin un sorriso. 
 
Durante anos, e dado que o grupo non saía nas revistas e non te cadrou de velo na televisión, a túa percepción visual de Guny era unha soa: a da foto que se ve ó abrir o mencionado álbum dobre. Nesa imaxe, el aparece vestido cunha cazadora de pel negra e unha camisa floreada de tipo hawaiano, con bigote e cunha expresión cándida, como un neno. 
 
Segundo a túa experiencia, moitos artistas adoitan ser distantes e pouco cariñosos, pero non estás preparado para esta frialdade. Conclúes o seguinte: que somos distintas persoas ó longo dos anos, e este Guny non é o Guny que te miraba dende o interior da carpeta do disco “Déjalo así”, let it be.

A banda Harold & the Barrels
A banda Harold & the Barrels
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Ramón torrado Ramón Torrado Romero (Araño-Rianxo, 1966). Educado en Galicia, no País Vasco e nos Estados Unidos. Licenciado en Filoloxía Inglesa na USC, é profesor de instituto. Investigador rosaliano. Foi colaborador en Certo, xornal dixital de Barbanza. Ten escritas catro novelas, un libro de relatos e outro de viaxes, entre elas, Rebeca no val das sombras ardentes (Toxosoutos, 2018) e "Torino" (Axóuxere, 2021), a súa última obra publicada.