Por Europa Press / Redacción | A CORUÑA | 29/10/2019 | Actualizada ás 19:29
O Concello da Coruña acordou declarar a "cota cero" nos servizos básicos para as persoas sen recursos, segundo informou o portavoz municipal, José Manuel Lage, en referencia ás ordenanzas fiscais, asunto tratado na Xunta de Goberno local extraordinaria.
Con esta medida, as persoas que reciben o IPREM (unha renda de 537 euros ao mes) non pagarán polos servizos básicos de subministración de auga, depuración, lixo e saneamento.
A mesma está incluída nas modificacións das ordenanzas fiscais, aprobadas na Xunta de Goberno Local, que entrarán en vigor o próximo ano "co fin de garantir ás persoas sen recursos o acceso aos servizos básicos", explicou o edil.
As modificacións establecen unha "cota cero" e bonificacións para as persoas con menos recursos que están en risco de exclusión social nos servizos de depuración, saneamento, subministración de auga potable e tamén na taxa de lixo.
No caso das bonificacións, quen gañe 1,5 veces o IPREM (805 euros/mes), terá unha bonificación do 75% nestes servizos e taxas municipais.
RESPOSTA DE MAREA ATLÁNTICA
Marea Atlántica lembrou ao grupo de goberno no Consistorio coruñés, o PSOE, que as rendas máis baixas non pagan servizos básicos desde "decembro de 2015", despois de que o goberno local anunciase unha "cota cero" para este colectivo e tamén a inclusión de bonificacións.
Asegura que estas rendas "non pagan taxa de auga, lixo e depuración desde decembro de 2015" e incide en que esta foi "unha das primeiras medidas fiscais do goberno de Marea Atlántica".
"O que se fai nesta actualización é aumentar as bonificacións", aseguran desde esta formación.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.