O 'Samaín' nas escolas: que estamos celebrando e a onde relegamos o Magosto?

Ata que punto o Samaín que dicimos festexar nas escolas se asemella máis ao Halloween ca ás propias tradicións celtas? Como sería unha celebración máis xusta do Samaín? Onde quedan as castañas do Magosto? Falamos con dous antropólogos, unha mestra de primaria e a directora da ANPA Paraixal para coñecer como se celebraba esta tradición e como se xestiona hoxe dende os colexios.

Por Uxía Iglesias | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 01/11/2019 | Actualizada ás 22:00

Comparte esta noticia

Ata hai pouco máis de cinco anos, cando se achegaba o primeiro día de novembro, as crianzas de moitas escolas bulían para coller as castañas máis grandes e levalas ao colexio. Alí, no común, mestres e mestras, nenos e nenas, asábanas e comían nelas. Era a tradición que cumpría para aquel día. Pouco a pouco as castañas foron mudando por outro tipo de elementos decorativos: arañas, cabazas, caveiras... Unha volta de folla. Estoutra celebración á que chamamos Samaín xurdiu co gallo de recuperar as nosas tradicións celtas máis antergas. Mais... Canto de Samaín celta ten o Samaín que festexamos hoxe en día? Canto do Halloween americano? E se o verdadeiro Samaín é o Magosto de toda a vida? E se estamos aquí, cambiando castañas por caveiras, sen moito xeito?

Castañas para o Magosto
Castañas para o Magosto | Fonte: mundohr.com

Moitas reunións de profesores nestes días pasados vense ante o dilema de como celebrar o Samaín nas escolas. Hai mestres que apostan por unha decoración máis parecida ao Halloween, outros que prefiren darlle maior protagonismo á castaña, outros que non ven pedagóxico todo o contido violento que envolve a festividade... E namentres, o Samaín queda reducido a unha celebración do Halloween estadounidense á que só lle cambiamos o nome para "galeguizalo" e "facelo máis noso".

A TRADICIÓN DO SAMAÍN

O Samaín que se festexa en moitas escolas pouco ten que ver coa realidade da tradición. Segundo Manuel Mandianes, antropólogo e teólogo, esta trátase dunha festa celta que os nosos antergos celebraban no medio do monte: "reunían cantidades enormes de xente nun claro do bosque, comían e bebían". A asistencia era obrigatoria e se non acudías, corrías o risco de "perder o uso da razón". Nesa festividade conmemorábase o final do outono e o comezo do inverno, "a morte da natureza, do mundo, que se simbolizaba na morte do rei". 

Este memorial dos mortos estaba moi enraizado á recolleita dos froitos, e concretamente, das castañas. Cando os irlandeses e escoceses emigraron aos Estados Unidos no século XVIII e XIX, esta sociedade do outro lado do charco deu en chamarlle a estes rituais 'Halloween', e mentres, en Europa o nome de Samaín foi esvaecendo no tempo. O rito do Magosto mantívose e máis adiante chegou ás nosas terras un "Samaín pasado polos costumes americanos": "Os cazadores de novidades europeos importaron de EEUU unha cousa que os EEUU levaran de Europa", di paradóxico Mandianes.

Adornos feitos con cabazas
Adornos feitos con cabazas | Fonte: Flickr

"O que hoxe coñecemenos como Samaín" - conta agora o antropólogo Miguel Losada - "é o resultado da evolución, da agregación e disgregación de elementos culturais que forman parte da vagaxe dos habitantes". Nada ten que ver co Samaín tradicional porque as festas van evolucionando á par da historia.  "Tal cal hoxe está sendo divulgado este acto é, dalgún xeito, unha creación dos profesores de inglés de la Logse". Un Halloween ao que se lle deu un cambio de nome. 

"O verdadeiro Samaín é o Magosto no monte, ou na lareira se vai moito frío!"

"Non creo que os celtas andaran con caretas e cabazas", di Mandianes. Segundo este antropólogo, unha celebración máis xusta do Samaín sería ben sinxela, sen eses tintes do Hollywood vidos da América: "o verdadeiro Samaín é o Magosto no monte, ou na lareira se vai moito frío! Nós traiamos a cara pintada co tizón do lume que faciamos para asar as castañas no bosque, pero non imitabamos monstruos". Mais... "Quen somos nós para criticar que hoxe se celebre unha especie de Samaín crioulo?" - pregúntase Losada. "Realmente toda manifestación cultural incorpora elementos de recente creación. A única instancia soberana é a sociedade, así que se o entende apropiado, quen somos para negar esa realidade?", reflexiona.

REINTERPRETACIÓN NAS ESCOLAS

"Estes días non había nin unha triste castaña nos corredores de todo o colexio", lamenta Loreto Reviejo, mestra de primaria. Ela, relata, foi a única que animou os cativos a que adornaran a aula con motivos propios do Magosto: "non quero quitarlle protagonismo". "Realmente non sabemos como celebrar o Samaín. Pódese celebrar realmente?", pregúntase. Segundo pensa, estase "desvirtuando" o Magosto en favor do Halloween, e o Samaín, pola súa banda, queda a un lado porque non se sabe xestionar.

Para os cativos os dous termos se confunden e se sopalan. A este respecto, Miguel Losada apelaba á preparación de didácticas educativas para entender ben o contexto no que o Samaín se celebraba na remota antigüidade. "Tratando de fomentar a indagación a escala humana e parroquial, vendo cales son os pequenos indicios de pervivencia da tradición... Mais supoño que é bastante ambicioso meter isto dentro dos currículos escolares ao uso". Parte da solución, di, pasa por non replicar modelos alleos e desenvolver modelos propios.

"Celebrar o Samaín parecíanos repetir un entroido en novembro"

Na ANPA do Colexio Paraixal (Teis, Vigo), decidiron celebrar un Magosto ao uso. "Celebrar o Samaín - tal e como está deseñado na actualidade - parecíanos repetir un entroido en novembro", conta a súa presidenta, Rute Pallares. Daquela, a ANPA organizou o Magosto ambiental, unha actividade vinculada ao coidado do medio ambiente. As crianzas saen limpar o monte e recoller castañas para logo asalas e comelas. Con todo, dende o colexio si que se acordou celebrar unha "mistura" de Halloween e Samaín. "O resultado? A rapazada ten un rollo entre unha cousa e outra. Non podemos deixar en man da voluntariedade a recuperación das tradicións e a educación das crianzas".

A XESTIÓN DA VIOLENCIA E DOS MEDOS

"Realmente isto que estamos facendo é pedagóxico e educativo?"

Tanto Rute Pallares como Loreto Reviejo poñen tamén o foco sobre a xestión da violencia e dos sustos que tanto protagonismo adquiren nesta festividade do un de novembro. No colexio de Loreto decidiuse organizar un concurso de microrrelatos de terror. "Habíaos inocentiños, pero tamén había quen falaba de corpos mutilados, descuartizados, sangue por todas partes... Léronos en alto e eu pensaba: 'Realmente isto que estamos facendo é pedagóxico e educativo?'"

Semellante pensa Rute. De feito, un dos motivos polos que dende a ANPA decidiron non celebrar nada relacionado co Samaín e co Halloween foi este. "Temos un problema bastante importante cos disfraces moi violentos ou sexistas que visten as crianzas. Xa pasa no entroido, pero no Samaín é excesivo". Ademais, se ben é certo que a rapazada ten que aprender a xestionar os medos, moitos destes cativos rondan os tres anos ou non chegan a eles, e o 35% das crianzas teñen necesidades especiais. "É complexa esta celebración", resolve.

"Festexar o Halloween é confesar unha ignorancia histórica total"

A copia do costume americano que adquiren para si moitos colexios baixo o nome de Samaín resulta, á fin, unha celebración confusa que a rapazada non acaba de comprender. Mandianes mesmo di que "festexar o Halloween é confesar unha ignorancia histórica total". A nai de Rute recorda ter decorado nabos na posguerra, o propio Mandianes ía ao monte asar castañas e tisnar a cara coas cinsas da fogueira... Quizais a celebración do Samaín pase por algo máis sinxeliño se queremos respectar un modelo propio.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 10 comentarios

6 Cachamuíña

O do Samaín é outro evento mais da glorificación do mito celta en Galicia. Para ser a a poboación de España cun maior índice de ADN norteafricano non está nada mal. Dalgunha maneira, isto do Halloween vai fagocitando o conto celta-identitario-nacionata do Samaín, polo que os alumnos galegos non teñen que sufrir outra manipulación mais relacionada con iso da identidade diferenciada, da nación, da língua e bla, bla, bla

1 DaTorre

Comentario digno de un cuñado en nochebuena... ¿Mito celta? Usted no ha leído un libro ni visitado un museo en su vida. Otro galeguiño acomplejado por no ser una raza única "castrexa" (como sí lo son los vascos). Entérese, mi alma, los gallegos somos celtas, los primeros celtas, su nota sobre el adn norteafricano demuestra que no sabe ni lo que es el pool genético gallego, único en el mundo por su ancestralidad y reservoridad (Carracedo dixit). El magosto/samaín es más gallego que ese castrapo suyo.

5 APL

O do samaín é un de tantos invemtos nacionalistas. Non aparece no Dicionario de dicionarios da UVi

1 Sentidiño

O da subida por succión de maríasantísima si que é un invento, e son as festas de Santiago. Que a mesma fose concibida sen pecado por Xocas e Ana outra pamema, pero é unha festa na zional de España. A batalla de Clavijo non existiu, pero é o apóstolo islamófobo o que celebra laGaliciaautonómica... O Samaín e o seu magosto é do pouco auténtico que nos queda.

2 Alienao

Todas as tradicións "inventáronse" algunha vez.

4 Calacú

Podem conviver as duas tradições perfeitamente. Em Ourense a festa comeza o dia 1 co Samain e remata o 11 com o São Martinho e o dia dos Magostos

1 6jnx

O que non hai en Ourense é xente que use ese idioma que ti escribes.

3 Mugueimes

Obrigado pela informação. Deveriam ler isto nas escolas e os programadores dos concelhos. Não há um caminho certo, para escolher precisamos conhecer os caminhos andados e saber a onde queremos ir.

2 Viravento

Parabéns polo artigo, pareceume moi interesante. Por certo... Viva o magosto! ;)