A Xunta entra en campaña electoral cun paquete de 25 "prioridades" que ten que facer o futuro Goberno

Entre eles están a finalización do AVE en 2021, o financiamento autonómico, apoio aos sectores básicos da industria galega, ao Xacobeo e aos servizos sociais. Ábalos critica a "deslealdade" de Feijóo co AVE e di que "está nervioso" polas eleccións.

Por Galicia Confidencial | Compostela | 31/10/2019 | Actualizada ás 15:22

Comparte esta noticia

O xefe do Executivo autonómico, Alberto Núñez Feijóo, sorprendeu este xoves coa presentación dun informe cun conxunto de 25 “asuntos prioritarios” para Galicia que ten que acometer o goberno que saia das vindeiras eleccións ao Congreso. Un informe que chega, curiosamente, a unhas horas do inicio da campaña electoral, e que está vertebrado en cinco eixos: financiamento, que o AVE a Galicia funcione en 2021, industria, servizos sociais e Xacobeo.

AVE a Granada
AVE a Granada | Fonte: Europa Press

Por iso, e preguntado pola presentación desta "axenda galega" e os “deberes” ao futuro Goberno español se faga por primeira vez na Xunta a horas dunhas eleccións, Feijóo xustificouno porque, dixo, nos seus últimos nove anos como presidente galego “non vivira ata agora un desprezo” semellante a Galicia como o cometido, insistiu, por Pedro Sánchez. “Non quere pagar a débeda de 700 millóns, non finaliza o AVE ou ignora os problemas industrias polos que atravesa Galicia”, dixo.

“Galicia non é unha plataforma electoral”, insistiu ao tempo que presentaba esta “axenda galega” nas horas previas ao inicio da campaña do 10N. “O que se trata é de clarificar os compromisos que debe cumprir con Galicia o futuro Executivo español”, engadiu. "Estas prioridades non son novas. A novidade é que se cumpra o comprometido”, dixo ao aludir a unha serie de medidas que, nalgúns casos, como é o AVE, xa tiñan que estar rematadas nos gobernos de Rajoy. 

Preguntado acerca de se xa renuncia ao prazo de 2020 –que era o inicialmente marcado-- remitiuse ao informe presentado a semana pola Xunta no que se considera "inviable" que a alta velocidade galega poida estar activa o ano que vén. E mesmo para 2021 asegurou que está "preocupado" porque ve "un alto risco de incumprimento".

CRÍTICAS DE ÁBALOS

O ministro de Fomento en funcións, José Luís Ábalos, criticou a "deslealdade innecesaria" do presidente galego, Alberto Núñez Feijóo, tras as críticas vertidas esta semana cara ao presidente en funcións, Pedro Sánchez, por non concretar "cando" culminarán as obras do tren de alta velocidade --AVE-- a Galicia. E afeou que "todo era comprensión" na comunidade galega entre 2011 e 2016, cando gobernaba o PP en España.

Vía do AVE
Vía do AVE | Fonte: EP

"Estou asombrado", manifestou Ábalos ante as críticas de Núñez Feijóo, engadindo que non acaba de entender estas críticas cando o Goberno de Pedro Sánchez estivo "claramente comprometido" co AVE a Galicia e acelerou "enormemente" as obras.

"Será que as eleccións porán nerviosos a algúns", ironizou Ábalos en declaracións á prensa na clausura da xornada 'Infraestruturas para mellorar a mobilidade en Madrid', organizada polo Foro ABC. Ademais, asegurou que se traballa "día e noite" nas obras do tren de alta velocidade e que a principios do próximo ano "veranse as probas, unha vez culminadas as obras".

Por último, manifestou que se o propio Feijóo ten algún problema sobre aspectos técnicos, sabe que "Adif está moi comprometida" porque a presidenta da empresa encargada de administrar as infraestruturas ferroviarias do Estado "é tamén galega".

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 3 comentarios

3 doc. Morcillez

O noso narcopresidente ten a faciana de formigón.

2 Xoneu

Dez anos "gobernando" e o señor Feijoo aínda ten por resolver os mesmos problemas de cando comezou. Grande xestor, si señor!

1 anonimo

Non te esforces MOITO,que POUCO che queda...