A Xunta estuda crear un "cheque Brexit" para empresas galegas ante unha saída sen acordo do Reino Unido da UE

O presidente da Xunta avanzou que se pretenden ampliar as actividades de asesoramento ás empresas galelgas na oficina do Igape no Reino Unido, co obxectivo de ofrecer servizos de consultoría fiscal, laboral, xurídica e administrativa.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 31/10/2019 | Actualizada ás 18:50

Comparte esta noticia

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, avanzou o impulso dunha batería de medidas para apoiar á cidadanía e ás empresas da comunidade que poidan verse afectadas polo Brexit.

"Traballamos para lograr a maior información posible e a menor afección posible", sentenciou Feijóo, antes de defender que a Administración autonómica "leva tempo facendo os deberes na medida das súas posibilidades e traballando para avaliar os posibles efectos que poida ter a saída" de Reino Unido da Unión Europea na economía galega.

Respecto diso, lembrou que o pasado 5 de setembro púxose en marcha o grupo de traballo interdepartamental, onde se acordou levar a cabo unha estratexia conxunta nos distintos departamentos implicados para mitigar as consecuencias do Brexit.

Así, no ámbito empresarial, Feijóo avanzou que se pretenden ampliar as actividades de asesoramento ás empresas galelgas na oficina do Igape no Reino Unido, co obxectivo de ofrecer servizos de consultoría fiscal, laboral, xurídica e administrativa.

E tamén se prevé a posta en marcha dun 'cheque Brexit' para "cofinanciar os gastos" nos que incorran as empresas galegas que exportan ao Reino Unido. Así mesmo, reforzarase a plataforma dixital coordinada polo Igape desde a que se permite ás empresas galegas avaliar a súa situación en relación ao impacto do 'Brexit', cun incremento de recursos.

SECTOR PESQUEIRO

No ámbito da pesca, un dos sectores máis afectados polos efectos do Brexit (1.700 persoas faenan en 150 buques galegos en augas británicas), as iniciativas concentraranse en solicitar ao Goberno central que leve a cabo todas as medidas de continxencia necesarias para que a frota galega non teña que abandonar os caladoiros británicos en caso de Brexit sen acordo.

A Xunta tamén proporá a creación dun fondo específico que compense á frota no caso dun Brexit duro, pero sen detraer partidas do Fondo Europeo Marítimo de Pesca, que xa están "comprometidas para o avance do sector".

Ademais de instar o Goberno central a aprobar un real decreto que fixe as condicións para o desembarque de peixe fresco de buques británicos nos portos españois, Feijóo tamén destacou o apoio á proposta de empresarios de loxística portuaria de pór en marcha unha conexión por ferry que unha Irlanda e Galicia.

SECTOR TURÍSTICO

O presidente tamén resaltou que hai outros asuntos de relevancia como que se garantan os dereitos dos 14.000 galegos que viven en Reino Unido (en aspectos tan importantes como a asistencia sanitaria, a Seguridade Social ou a residencia).

Finalmente, afirmou que, co obxectivo de atraer a turismo de Reino Unido a Galicia, intensificaranse as campañas de promoción no mercado británico a través de feiras internacionais turísticas, nas que se porá en valor toda a capacidade turística de Galicia e moi especialmente na próxima década "do tres anos santos".

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, en rolda de prensa tras o Consello.. XUNTA
O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, en rolda de prensa tras o Consello.. XUNTA | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta