O alcalde de Santiago recoñece que o dispositivo da Policía Local para as festas de Halloween foi "notoriamente insuficiente"

Ese día houbo numerosos botellóns e festas en pisos de estudantes.

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 04/11/2019 | Actualizada ás 13:42

Comparte esta noticia

O alcalde de Santiago de Compostela, Xosé Sánchez Bugallo, considerou que o cadro de persoal habilitado con motivo da celebración das festas Halloween a noite do pasado 31 de outubro "non estivo ben planificado" e foi "notoriamente insuficiente".

Así se pronunciou este luns nunha rolda de prensa ao ser preguntado polas queixas veciñais rexistradas esa noite pola celebración de botellóns en distintas zonas da cidade e festas en pisos. "Correcta ou incorrectamente interpretouse que era preferible atender o Día de Defuntos (1 de novembro) e que era máis necesario que a noite anterior", expresou nunha comparecencia ante os medios.

Deste xeito, Bugallo recoñeceu a situación e pediu "desculpas" especialmente ás familias que viven na contorna de rúas como Alfredo Brañas, nas que se producen "concentracións de xente".

"Temos un problema e trataremos de dar unha resposta adecuada", manifestou o rexedor, que atribuíu a esta situación á falta dos recursos humanos necesarios no corpo da Policía Local, así como á normativa que limita as horas extraordinarias que poden facer os efectivos.

Bugallo mostrou o seu desexo de poder "solucionar" estes problemas que, segundo indicou, o seu equipo recibiu de "herdanza" na Policía Local e que xornadas como a da noite do 31 de outubro se poidan cubrir con voluntarios que cobren as súas horas extraordinarias.

O alcalde de Santiago, Xosé Sánchez Bugallo, en rolda de prensa
O alcalde de Santiago, Xosé Sánchez Bugallo, en rolda de prensa | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 1 comentario

1 Sentidiño

Herdanza? De quén? Dos celtas? Das películas de terror de Hollywood? Isto recorda o pp, lavando as mans durante sete anos coa "herdanza de Zapatero": póñase a traballar!