Os universitarios galegos non queren ser emprendedores

O último Informe GUESSS España sitúa as universidades galegas nos últimos postos no Estado nos indicadores de actitude dos seus estudantes cara ao emprendemento.

Por Galicia Confidencial | Santiago de Compostela | 07/11/2019 | Actualizada ás 22:00

Comparte esta noticia

Os universitarios galegos están entre os menos motivados e os que peores condicións atopan en España para ser emprendedores no futuro. Así o reflicte o último Informe GUESSS España, no que participaron 50 universidades, achegando a opinión de máis de 32.000 alumnos, cun mesmo cuestionario e a mesma metodoloxía aplicada noutros 54 países e máis de 3.100 universidades de todo o mundo.

Emprendedores.
Emprendedores.

Segundo este informe, Galicia sitúase entre as últimas posicións en España na maioría dos máis importantes indicadores da actitude emprendedora dos universitarios.

No apartado de “Intencións de ser emprendedor”, as primeiras posicións ocúpanas Cataluña, Illas Baleares e Comunidade Valenciana, mentres que as que presentan porcentaxes máis baixas de intencións emprendedoras son País Vasco (16,5%), e Cantabria (21,2%) e Galicia (21,8%).

Deste xeito, os universitarios galegos sitúanse non só por debaixo da media internacional (37,9%), que non alcanza ninguna comunidade autónoma, senón tamén da media da UE (29,7%) e da española (26,4%).

Sobre o índice de intención emprendedora dos universitarios, a media española está algo por enriba da media da UE (3,5 fronte a 3,4) aínda que en ambos os casos é inferior á media internacional, que se sitúo xusto no valor central da escala (4,0).

Así, España sitúase máis ben na parte baixa da clasificación que, precisamente, ocupan países con altos niveis de desenvolvemento, como Xapón, Suíza, Alemaña, Corea, Austria ou Finlandia. Pola contra, o índice de intencións emprendedora obtén valores moito máis elevados en países en vías de desenvolvemento, como Panamá, Serra Leona, Ecuador, Colombia, Perú ou O Salvador, observándose unha clara relación inversa entre a intensidade das intencións emprendedoras futuras dos estudantes universitarios e o grao de desenvolvemento económico do país.

No ámbito estatal, ninguna comunidade autónoma supera a media da escala nin a media GUESSS. Ocupan posicións relevantes Canarias, Estremadura, Cataluña, Andalucía e Baleares, mentres que nos niveis máis baixos de intencións emprendedoras dos alumnos que non están involucrados en ningunha actividade empresarial se sitúan Asturias, País Vasco, Aragón, Galicia e a Comunidade de Madrid.

No que respecta á “Actitude cara ao emprendemento dos universitarios”, España ocupa unha posición máis ben baixa, lixeiramente por enriba da media dos países da súa contorna máis próxima. Volven ocupar as primeiras posiciones países en vías de desenvolvemento, como Panamá, Serra Leona, Ecuador, Colombia, O Salvador, Indonesia, Perú ou Costa Rica; mentres que os valores máis baixos se atopan en países desenvoltos como Xapón, Suíza, Chequia, Alemaña, Corea, Finlandia ou Austria.

En España, destaca en primeiro lugar Canarias con valores próximos á media GUESSS seguida, a pouca distancia, por Estremadura, Cataluña e Andalucía. Os valores máis baixos de actitude cara ao emprendemento obsérvanse nos universitarios de Aragón, País Vasco, Asturias, Galicia, Cantabria e a Comunidade de Madrid.

No apartado de “Normas subxectivas nos universitarios”, os que se que senten máis apoiados se decidisen ser emprendedores son os das Illas Baleares, Cataluña e Comunidade Valenciana, que obteñen valores medios desta escala por enriba da media dos países GUESSS; pola contra, destacan con valores inferiores á media estatal e a da UE, os universitarios de Castela-A Mancha, Asturias, Aragón, Cantabria, Castela e León, Galicia e País Vasco.

Sobre a “Autoeficacia nos universitarios”, os que máis capacitados se senten para o emprendemento son os estudantes de Cataluña, única autonomía que supera lixeiramente a media dos países GUESSS. Tamén obteñen posicións relevantes neste indicador, por enriba da media estatal, a Comunidade Valenciana, a Rexión de Murcia, A Rioxa e Estremadura. Pola contra, as peores valoracións obsérvanse no País Vasco, Galicia, Aragón e Castela e León, todas elas por baixo da media europea.

Cando se analiza o “Clima favorable cara ao emprendemento na universidade”, España ocupa unha posición máis ben baixa, pero con valores superiores a moitos dos países da súa contorna como Polonia, Hungría, Alemaña, Italia ou Grecia.

Por autonomías, destaca a posición da Comunidade Valenciana, a única cuxo valor supera á media dos países GUESSS. Tamén teñen boas percepcións de contornas universitarias favorables para emprendemento a Rexión de Murcia, A Rioxa, Cataluña e Navarra. Pola contra, as peores percepcións mostráronas os alumnos das universidades do País Vasco, Galicia e Canarias.

Os datos para Galicia melloran un chisco no que se refire á “Reputación como universidade emprendedora”, onde ascende ao noveno posto entre as comunidades autónomas.

Neste apartado constátase que ningún territorio en España alcanza o valor medio dos países GUESSS, pero destacan con valores máis altos que a media europea as universidades da Comunidade Valenciana, a Rexión de Murcia e a Comunidade de Madrid. Na parte baixa sitúanse País Vasco, Asturias, Aragón, Estremadura e Canarias.

En “Formación xeral orientada ao emprendemento”, España ocupa unha posición moi baixa, aínda que algo por enriba de países da súa contorna como Alemaña, Polonia, Austria ou Suíza.

Por comunidades autónomas, ningunha alcanza o valor medio dos países participantes, aínda que destacan con valores por enriba da media da escala A Rioxa e a Comunidade Valenciana. Polo lado máis baixo da clasificación aparece o País Vasco, Madrid, Galicia, Castela e León e Canarias.

Galicia tamén está entre os últimos postos en España no indicador de “Formación específica en emprendemento”, no que ocupa a cuarta posición pola cola, tras Madrid, Baleares e País Vasco, con elevados porcentaxes de alumnos sen formación específica.

Na “Taxa de emprendemento nacente”, Galicia ascende algúns postos, pero continúa no grupo de cola, no posto 12.

A porcentaxe de emprendemento nacente por autonomías oscila entre o 10% e o 20%, en todos os casos moi por baixo da media GUESSS. A maior porcentaxe dáse na Rexión de Murcia (20,1%), claramente destacada sobre o resto de Comunidades autónomas. Tamén Asturias, Cataluña, Comunidade Valenciana e Comunidade de Madrid alcanzan valores destacables. Pola contra A Rioxa, País Vasco, Comunidade Foral de Navarra e Aragón presentan as taxas de emprendemento nacente máis baixas. No caso galego, sitúase no 12,8%.

A situación en Galicia mellora un chisco no apartado de “Taxa de emprendemento activo”, colocándose no oitavo posto en España cun 4,6%.

As maiores porcentaxes danse na Región de Murcia, Asturias e a Comunidade de Madrid, con valores por enriba da media da Unión Europea. Destacan tamén a Comunidade Valenciana e Cataluña, por enriba da media estatal. Pola contra, as menores porcentaxes preséntanas Canarias, Navarra, A Rioxa, Aragón e, en última posición, Illas Baleares, todas elas por baixo do 4%.

INFORME GUESS

A finalidade do informe do proxecto Global University Entrepreneurial Spirit Student’s Survey (GUESSS) é facer un diagnóstico da situación dos universitarios en España ante o fenómeno emprendedor e contribuír ao coñecemento das súas intencións de elección de carreira, mediante o desenvolvemento dunha imaxe máis precisa das causas e consecuencias de tales decisións.

Os resultados poden ser de interese tanto para investigadores no campo do emprendemento, como para os responsables académicos, así como para outras institucións públicas e privadas responsables da toma de decisións no campo da educación e a modernización da infraestrutura da universidade, para permitirlles o mantemento e o desenvolvemento do potencial emprendedor dos seus estudantes.

O proxecto GUESSS valora as intencións de elección de carreira dos estudantes e, de forma específica, profunda no estudo das intencións emprendedoras e dos seus determinantes, valorando especialmente unha serie de condicionantes do seu contexto universitario, familiar, social e cultural.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta