Ardor Patriota (Forza Italia!!!)

Parece que hoxe este país –Estado- se teña detido, con tódalas súas bandeiras vermellas e amarelas ondeando á vez, fervor patriota aceso de repente, para apoiar a un pequeno exército de aguerridos combatentes, ataviados con camiseta, pantalón curto e zapatillas con tacos, que representan de súpeto tódalas ilusións e aspiracións que nos quedaban.

Por Jorge M.de la Calle | Ourense | 01/07/2012

Comparte esta noticia

Semella que este país –Estado- teña decidido amosarse orgulloso do único do que non poderiamos presumir, de que once rapaces que van levar moitos máis cartos dos que poderiamos xuntar calquera de nós, gañen ou perdan; de que nos salven o pescozo como ¿nación? honorábel dentro dunha orde internacional alternativa, que non é nin o G-20 nin o G-8, nin o de Davos nin o de Porto Alegre, non: é o do balompé, capital Kiev.

 
Parece que hoxe non hai outra cousa, todo xira arredor dunha pelota. Non parece que rexeiten visitar ás autoridades de Ucraína, un goberno dirixido por un criminal saboteador de eleccións, Víktor Yanukóvich, que ten encarcerada irregularmente a súa ex primeira ministra, Yulia Timoshenko, despois dun proceso plagado de irregularidades, por unha máis que fundada represalia política. Non parece moito que importe que entre os “amiguiños” do goberno ucraíno estea o último dictador confeso de Europa (aínda que Putin non lle vaia á zaga), un tal Alexandre Lukashenko,  que ten encarcerados ou exiliados a tódolos seus opositores políticos, e que reprimiu salvaxemente ós que protestaron pola fraude electoral que perpetrou, ou que recentemente ten manifestado sen ningún pudor: “Prefiro ser ditador a ser gay”. Nin parece que lles importe moito que se vaia incrementar o “turismo sexual” nun dos principais focos de tráfico de mulleres de Europa, segundo denuncia o colectivo feminista Femen. Ou que non estea nada claro como van tributar os xogadores españois o cobro das súas aparatosas “primas”, non de “risco”, senón moi seguramente intocábeis polo “fisco”. Como tampouco parece que lles importe ós primeiros ministros de España e Italia, Rajoy e Monti, que os seus pobos sexan rescatados ou estean a piques de estalo, mentres emprenden costosas viaxes e cerimonias a cargo do erario público, e celebran con tódolos fastos as posíbeis vitorias dos seus respectivos países -Estados?. Iso si, no caso de Rajoy, que os xubilados e as rendas máis baixas carguen o medicamentazo e “repaguen” todo, e no de Monti, que se suban os impostos para “atender” as vítimas dos terremotos de Emilia Romania. Ninguén parece, non xa suspender a súa presencia no partido de cuestionábel importancia para o devir do país -Estado?, senón facer ningunha manifestación pública por estes temas. Nin ás súas sociedades respectivas parece importarlles demasiado, posto que non se mobilizan dabondo para impedir todo isto.
 
Como hai case dous anos, por estas datas, canda o Mundial, non parecía importar a case ninguén que fosen executar a unha pobre muller, Sakineh Astiani, en Irán, vítima da violación máis cruel da dignidade humana que se pode concebir en pleno século XXI, a lapidación, ou que EEUU seguira mantendo o bloqueo a Cuba, outra vulneración flagrante dos dereitos humanos, namentres Europa recibía os mandatarios do país “yanqui”. Nin que se cumpriran seis meses do maior desastre natural que estragou o país máis pobre do mundo, Haití, e todo seguira máis ou menos igual, ou que a algunas nacións non lles deixaran constituírse como tales, véxase Catalunya, onde ese día houbo unha manifestación contra a sentenza do Tribunal Constitucional sobre o Estatut. Aquí tampouco, e algúns galegos non parecen selo, mergullados nun “ardor patriótico” cara quen impide que haxa seleccións do seu país recoñecidas internacionalmente, por non falar de outras cuestións moito máis importantes, como unha economía e unha sociedade asoballadas pola empresa de demolicións Feijóo, franquicia galega do PP de Madrid. A uns lles deixan ser nación, e non só iso, obrigan aos demais a selo con eles, nunha marea de patriotismo de bombo e pandeireta que o arrastra todo, coas súas infantís demostracións de orgullo que nos saen polas orellas, mentres que a outros, a sacrosanta e intocábel definición dun cacho de papel, papel mollado, lles ditan o que teñen que ser, ou mellor dito, non ser.
 
Se os futbolistas perden, durante uns días, cecais semanas, os contertulios de radio e televisión opinarán que a derrota é a  gran metáfora da situación do país –Estado-, un castelo de area botado abaixo no último momento. A Bolsa madrileña desplomarase, o noso crédito internacional tatexará con el, e o cidadán de a pé, en tascas, lonxas, oficinas, e demais lugares de traballo… dirá que era o que nos faltaba, que nin unha ledicia podíamos ter a pesar da crise.
 
Agora ben, se gañan – o que é bastante probábel-, o país –Estado- vivirá durante días –cecais semanas- mergullado na anestesia dunha falsa felicidade, o espellismo da victoria pírrica, a xustiza poética, a pequena nación en declive, humillada polos seus políticos e banqueiros e polo rescate de Europa, alzándose por riba das demais potencias. Cremos –crerán, moitos- que os problemas non existen ou que se paliaron, que o fútbol ben merece unha tregua ás nosas preocupacións. Todos –políticos, analistas, eses mesmos “tertulianos” de antes (porque chamalos “contertulios” é demasiado, como moito “opinólogos” - dirán que nolo mereciamos, que isto influirá nos mercados internacionais, fará subir a nosa autoestima, e pouco menos que nos fará máis altos, guapos e esveltos. O ministro de Traballo, daquela, chegou a dicir que “subirá o PIB” grazas á boa posición da selección neste campeonato. Agora, Rajoy di que, se gañasen, “sería un “subidón” para o país”, porque “necesitamos unha alegría en tempos difíciles”. ¿Están todos tolos?
 
Despois do 1 de xullo de 2012, España seguirá sendo un país –Estado- con máis de cinco millóns de parados –cecais seis cando remate o verán e con el os contratos estacionais-, cunha das maiores cotas de corrupción política, e cun clima económico e social convulso, debido en gran medida á ineptitude dos nosos políticos e á avaricia dos “nosos” banqueiros, que son no fondo unha mostra da poboación, é dicir, espello de nós mesmos e as nosas propias miserias. Porque somos nós quen consentimos este estado de cousas.
 
Hoxe, todos coa Vermella, si, orgullosos de ser o que non nos preguntaron se queremos ser, desexosos de que, se non somos quen de nos entendermos e nos aceptarmos, alomenos si o sexamos de meter un balón no medio de tres paus. Eu, pola miña parte, quero con todas as miñas forzas que gañe Italia. Por levar a contraria? Non, que alí tamén o fútbol idiotiza a poboación. Só porque os xogadores italianos xa dixeron que van donar as súas primas total ou parcialmente ás vítimas dos terremotos que recentemente asolaron a súa terra. En España deberían facer o mesmo. Un saúdo moi afectuoso para as poboacións de Italia afectadas por estes desastres e pola incompetencia da súa caste política para palialos.
 
Ao final, gañen ou perdan, uns ou outros, todos sairemos perdendo, porque o erro será o mesmo. Facelo xirar todo arredor dun espectáculo de entretemento. A ilusión é boa, si. É un descanso, un refresco, un refuxio para o noso espírito inquedo arelante de paz, pero o noso estado de ánimo non debería depender tanto das ilusións, e menos das ilusións que descansan en mans, ou en pés, doutros. A ver se comezamos a mobilizarnos máis polo que realmente importa.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Jorge M. de la Calle Jorge M. de la Calle, “Moz” (A Coruña, 1982), é xornalista e fotógrafo, licenciado en Xornalismo pola Facultade de Comunicación da Universidade de Santiago de Compostela, na especialidade de Xornalismo Electrónico. Traballou breve e precariamente en La Región, La Voz de Galicia, Xornal de Galicia, Revista ECO e Cadena Ser, aínda que a mellor maneira de exercer a profesión para el é por libre e de xeito independente, con colaboracións habituais para Galicia Hoxe, Praza, Diagonal, GC e Mundogaliza.com, dinamizando as redes sociais coas súas fotos e reportaxes, e implicándose en calquera causa social na que pague a pena ser activista. Mantén esporadicamente dous blogues, entre o sentimental e o actual, entre a música (a súa gran paixón), o cinema, o político e o literario, ou todo xunto: Fifteen Minutes with you e As outras voces, este integramente en galego.