Un ano perdido para o teatro galego

Como afirma o mestre Dario Fo na súa mensaxe do Día Mundial do Teatro, “actualmente, actores e compañías teatrais teñen dificultades para atopar escenarios públicos, teatros e espectadores, todo por culpa da crise”. Entre o Día Mundial do ano pasado e este apenas mudou nada, a mesma sensación de déjà vu, agás que todo foi a peor.

Por Jorge M.de la Calle | Ourense | 07/04/2013

Comparte esta noticia

Pasou un ano e nada, ou case nada, cambiou, e o único xesto, de cara á galería, desesperado e forzado polas protestas cada día máis potentes dos profesionais das artes escénicas, foi poñer un novo director da AGADIC, o obvio e lóxico nun país lóxico, mais despois de case cinco meses de baleiro institucional e elixindo á persoa ilóxica. Un tal Jacobo Sutil, mero xestor económico sen experiencia no sector cultural e amigo das bandeiras “rojigualdas”. O demais, o lóxico no país da ilóxica: cero “axudas” á produción e distribución polo momento (cando deixaremos de chamalas así, e dicir “investimentos”?), varias redes no aire e, o máis grave, a falla dun plan estratéxico para o sector, con obxectivos a curto, medio e longo prazo.

Dende entón, só despropósitos e desencontros: após destituír á anterior directora do Centro Dramático Galego, Blanca Cendán, por pretender ceder o Salón Teatro aos seus lexítimos donos (as xentes do teatro deste país); de repoñer no seu lugar a outro director da era do “fraguismo” (Manuel Guede) e reciclar tamén unha obra xa dirixida por el mesmo para aparentar actividade (“O profesional”, ironicamente); despois de negar o diálogo máis unha vez axs profesionais do sector que din representar, e da fuxida en desbandada de Fasero á fronte da Axencia Galega das Industrias Culturais (pomposo nome, abofé) para ocupar un cómodo asento da SGAE, deixando descabezada a institución e abandonada á profesión, sen posibilidade de interlocución con ninguén... despois de todo isto, case cinco meses de desleixo, nos que as xentes das artes escénicas tiveron a sensación de camiñar na corda frouxa e saltar ao baleiro, con terribles dúbidas sobre a continuidade das “políticas culturais” a secas e das insuficientes pero necesarias redes de distribución públicas que amortecen o sector e tecen o máis parecido a unha “industria nacional” que pode haber por estas terras.

O sinal de alerta máxima deuno a non convocatoria da Rede Galega de Teatros e Auditorios nin de ningunha outra rede pública de distribución. A incerteza e o pánico seguiron, iniciado 2013, durante máis de dous meses, ata que se nomeou “dixitalmente” e con máis expectación que polo Papa ao novo director de AGADIC. Silenzos do conselleiro de Cultura, cando non evidentes desprezos. Semellaba que querían deixar morrer a cultura en Galicia, por inanición. Eventos como a Feira Galega das Artes Escénicas e Camiños da Cultura, xa desaparecidos hai tempo, seguirán soterrados, mais o peor é que non se garante a continuidade do existente, e a tendencia é decrecente. “Laissez-faire” e neoliberalismo darwinista salvaxe para algo que é máis que industria. É a cultura dun país, é un dereito. Por non falar de milleiros de postos de traballo. A falta dunhas metas definidas, de diálogo e reflexión cxs profesionais do sector, que tiveron que manifestarse repetidas veces dende aquela anunciada asemblea ás portas do Salón Teatro o pasado 28 de xaneiro e posterior ocupación o 3 de febreiro, e que deberon “perseguir” e escrachear axs políticxs para que aceptasen escoitalxs, indo ós seus “teatriños” (Parlamento, sé do AGADIC na Cidade da Cultura, Premios da Cultura Galega, e demais actos públicos), e esixir a dimisión do conselleiro de Cultura Jesús Vázquez polo “desmantelamento” da mesma, o único que queda é a propaganda, a sensación de “divorcio” entre o sector e as institucións e certo cansazo, unido a un espírito de “resistencia” que non deixan de repetir, como conxurando o feitizo da malchamada “crise” (que deberiamos chamar “estafa”), e de esperanza en que, como na canción de Battiato, veñan tempos mellores.

Dende hai cinco anos, todo empeorou, segundo todos os datos e a opinión de todos os profesionais.

Mentres, o teatro galego resiste, coma sempre, na periferia do sistema. O único consolo que temos é que nos temos a nós mesmxs, profesionais e público, que nos apoiamos mutuamente, e que este ano a RAG dedica o Día das Letras Galegas ao gran Roberto Vidal Bolaño. Este é, paradoxalmente, o ano do Teatro Galego.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Jorge M. de la Calle Jorge M. de la Calle, “Moz” (A Coruña, 1982), é xornalista e fotógrafo, licenciado en Xornalismo pola Facultade de Comunicación da Universidade de Santiago de Compostela, na especialidade de Xornalismo Electrónico. Traballou breve e precariamente en La Región, La Voz de Galicia, Xornal de Galicia, Revista ECO e Cadena Ser, aínda que a mellor maneira de exercer a profesión para el é por libre e de xeito independente, con colaboracións habituais para Galicia Hoxe, Praza, Diagonal, GC e Mundogaliza.com, dinamizando as redes sociais coas súas fotos e reportaxes, e implicándose en calquera causa social na que pague a pena ser activista. Mantén esporadicamente dous blogues, entre o sentimental e o actual, entre a música (a súa gran paixón), o cinema, o político e o literario, ou todo xunto: Fifteen Minutes with you e As outras voces, este integramente en galego.