A Xunta amplía o orzamento de axudas a entidades locais para contratar a vítimas de violencia de xénero

A Xunta de Galicia amplía en máis de 350.000 euros a súa segunda convocatoria de axudas.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 11/11/2019 | Actualizada ás 14:23

Comparte esta noticia

A Xunta amplía en 353.021 euros a súa segunda convocatoria de axudas a entidades locais para fomentar a contratación de mulleres que sufriron violencia de xénero, que se suman aos 538.551 euros consignados anteriormente. O Diario Oficial de Galicia anunciou este luns este incremento --nun orzamento no marco do Pacto de Estado contra a Violencia de Xénero--, que se debe ao "elevado" número de solicitudes, segundo explica o Goberno galego nun comunicado.

A Secretaría Xeral de Igualdade tamén decidiu ampliar o prazo para formalizar as contratacións ata o 30 de novembro, coa idea de "optimizar o proceso de xestións". Na anterior edición, a Xunta fixo unha reserva de crédito duns 800.000 euros.

Segundo a Xunta, o obxectivo desta ampliación é que un maior número de vítimas da violencia de xénero poidan acceder ao mercado laboral nunhas "condicións dignas". O Goberno galego considera que con estes recursos contribúen a que as mulleres teñan unha "maior autonomía" a través dunha "independencia económica".

Teléfono 016 contra a violencia de xénero. EUROPA PRESS - Arquivo
Teléfono 016 contra a violencia de xénero. EUROPA PRESS - Arquivo

Os contratos para os que se concedan a subvención deben ser para obras ou servizos sociais executados polas entidades locais en réxime de administración directa ou polos organismos, entes ou empresas públicas ás que se encomende a execución. A duración do contrato será como mínimo de catro meses e como máximo de 12 mensualidades. Por último, a muller contratada deberá ter unha persoa de apoio e poderá contar con apoio de persoal técnico de Igualdade con formación en xénero.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta