Méndez e Gayoso

Non está demostrado que Abraham Lincoln fora, efectivamente, o autor da frase pero, aínda así, ficou colocada no libro das citas mais célebres:”pódese enganar a todo o mundo algunha vez e a algunha persoa todo o tempo, pero non se pode enganar a todo o mundo todo o tempo”.

Por Xesús Veiga | Compostela | 09/07/2012

Comparte esta noticia
As traxectorias seguidas por Xosé Luis Méndez e Fernández Gayoso encaixan ben nesa vella máxima.Durante moitos anos, ambos executivos foron intocábeis.Posuían un poder de tal envergadura que podían aturar calquera pretensión de neutralizar significativamente o seu status.Os principais accionistas da banca tradicional querían rematar coa influencia acadada polas Caixas de Aforro pero non eran quen de atopar as complicidades políticas, sociais e mediáticas necesarias  para executar os seus plans.Os gobernos de Madrid e Santiago tiñan un pacto implícito con estes directivos:a cambio de non modificar a estrutura organizativa das Caixas para posibilitar unha real democratización das mesmas que evitase a consolidación practicamente vitalicia dos seus mandatarios, os responsábeis políticos podían condicionar a utilización do importante volume de recursos financeiros que manexaban esas institucións financeiras.Os principais medios de comunicación privados asumían, sen maiores reparos, as dependencias informativas derivadas dos importantes ingresos publicitarios conseguidos a través dunha relación comercial ampla e prolongada.
 
Méndez e Gayoso morreron de éxito.Amparados na impunidade tecida ao seu carón, actuaron como auténticos propietarios dunhas entidades que tiñan unha natureza legal de carácter fundacional sometida á tutela da Xunta.No canto de realizar unha xestión eficiente que permitira canalizar o aforro dunha grande parte da sociedade galega cara o financiamento de proxectos produtivos sustentábeis, os reitores das Caixas apostaron por xogar no casino especulativo e inmobiliario, comprometendo seriamente a viabilidade futura da parte mais relevante do sistema financeiro galego.E xa metidos nesa lóxica empresarial decidiron copiar todas as prácticas do momento:retribucións obscenas aos directivos, concesión de préstamos privilexiados aos membros da estrutura organizativa das Caixas, establecemento de indemnizacións e sistemas de pensión multimillonarias para blindar o seu propio futuro persoal.O paradoxo non puido ser mais contundente:Méndez e Gayoso non estiveron á altura do papel que lles correspondería como máximos executivos dunhas institucións que naceran como alternativas á banca tradicional, pensadas para pular o desenvolvemento do territorio no que estaban ubicadas e co obxectivo proclamado de conseguir que os sectores mais desfavorecidos da sociedade non ficaran excluídos dos mercados financeiros.As súas prácticas directivas violaron as regras non escritas da responsabilidade social que deberían cumprir con maior esixencia que calquera outro membro da elite empresarial convencional.
 
A ascensión de Méndez e Gayoso aos ceos da vida pública galega foi posíbel pola complicidade de moitos sectores empresariais, políticos e mediáticos.Agora que están caendo aos infernos do descrédito popular debería existir un simultáneo proceso de asunción de responsabilidades e recoñecemento de erros por parte de outros compañeiros daquela singular viaxe.Aínda que só sexa por hixiene democrática.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Xesús  Veiga Buxán Licenciado en CC.EE. pola Universidade de Bilbao. Profesor –dende o ano 1974- no Departamento de Organización de Empresas e Comercialización da Facultade de CC.EE. da USC. Dirixente do MCG. Posteriormente, foi dirixente de Inzar.Foi deputado polo BNG no Parlamento galego dende 1993 ao 2005. Dende Setembro do ano 2005 ate o mes de Abril do ano 2009 foi asesor para asuntos económicos no Gabinete da Vicepresidencia da Igualdade e do Benestar da Xunta de Galicia.