Temas: XUíZO CIG FERROL

Cargos do PP falan de "clima de violencia" durante a protesta pola que se xulga a un exsecretario da CIG

A Audiencia Provincial da Coruña celebrou este mércores a segunda sesión do xuízo contra este dirixente sindicalista, a día de hoxe xa retirado, a quen o Ministerio Fiscal acusa dun delito de atentado e unha falta de coaccións.

Por E.P. | A CORUÑA | 13/11/2019 | Actualizada ás 15:29

Comparte esta noticia

Cargos do PP de Ferrol coincidiron en cualificar de "tenso" e "violento" o ambiente vivido en outubro do 2012 en Ferrol con motivo da manifestación celebrada durante a xornada da pegada de carteis para as eleccións autonómicas dese ano, e durante a que sucedeu un incidente polo que é xulgado o exsecretario de CIG en Ferrol Xesús Anxo López Pintos.

A Audiencia Provincial da Coruña celebrou este mércores a segunda sesión do xuízo contra este dirixente sindicalista, a día de hoxe xa retirado, a quen o Ministerio Fiscal acusa dun delito de atentado e unha falta de coaccións, polo que pide dous anos e nove meses de cárcere.

Tras ouvir a declaración de Pintos, que negou agredir ao policía, este mércores declararon ante o tribunal varios cargos políticos do PP que aquel día acudiron ao mitin do partido en Ferrol. Entre eles, José Manuel Rey Varela -era alcalde de Ferrol cando sucederon os altercados-, Diego Calvo- que ostentaba a presidencia da Deputación da Coruña-, ou Miguel Tellado, actual secretario xeral do PPdeG.

Todos eles coincidiron en destacar o ambiente "violento" que se viviu ese día nos arredores do hotel Hotel Almirante, en Ferrol. Alí, segundo describiron estes cargos do PP, realizouse unha protesta á que asistiu moita xente, con petardos, lanzamento de ovos... De feito, segundo declararon todos eles, os manifestantes chegarían a romper o cristal dunha xanela do salón onde se estaba levando a cabo o acto.

"TEMEMOS POLA NOSA INTEGRIDADE FÍSICA"

A preguntas da Fiscalía, Tellado describiu o "clima de violencia": "Había un nivel de violencia que nunca viviramos no PP de Ferrol. Tememos pola nosa integridade física", asegura.Tamén Calvo e Rei Varela referíronse ao ambiente de "violencia", o que motivou a súa saída pola porta traseira do hotel. "Saímos protexidos pola policía", destacaron ambos os dirixentes populares, quen tiveron que saír escoltados polos axentes policiais e resgardarse nun garaxe ata que se despexase a zona.

En calquera caso, a pesar de recoñecer que alí se viviu un ambiente "tenso", ningún dos cargos do PP apreciou un incidente entre o sindicalista e un axente da Policía. "Non vin nada", esa foi a contestación repetida entre os cargos populares. O xuízo, que tamén senta no banco dos acusados ao policía, continuará este xoves coa declaración de varias testemuñas propostas pola defensa e a lectura das conclusións finais.

Imaxe duns xulgados.
Imaxe duns xulgados.

Temas: XUíZO CIG FERROL
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta