A programación cultural sobre Carvalho Calero estará coordinada entre o Parlamento e Concello de Santiago

A biblioteca persoal e o fondo documental atesourado por Ricardo Carvalho Calero durante toda a súa vida está depositado no Parlamento de Galicia, institución que adquiriu este material en 1997 e que, unha vez catalogado, pono a disposición dos investigadores e persoas interesadas na súa consulta.

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 15/11/2019 | Actualizada ás 18:06

Comparte esta noticia

O presidente do Parlamento de Galicia, Miguel Santalices, reuniuse co acalde de Santiago, Xosé Sánchez Bugallo, e coa concelleira de Acción Cultural, Mercedes Rosón, para coordinar a programación divulgativa das dúas institucións en relación coa figura de Ricardo Carvalho Calero, tras a decisión da Real Academia Galega de dedicarlle o Día dás Letras Galegas de 2020.

Segundo informa a Cámara nun comunicado, entre os proxectos nos que traballa o Lexislativo figura unha publicación para profundar no coñecemento de Carvalho Calero, así como unha exposición de material bibliográfico e documental ligada ao autor, que será incorporada ao programa de visitas á institución e nas xornadas de portas abertas.

Recentemente, o presidente do Parlamento tamén se reuniu con Vitoria Carvalho-Calero Ramos, filla do homenaxeado, e coa exdiputada Pilar García Negro, profesora e experta na obra de Carvalho Calero. Santalices mantivo unha reunión semellante co secretario xeral de Política Lingüística da Xunta, Valentín García.

A biblioteca persoal e o fondo documental atesourado por Ricardo Carvalho Calero durante toda a súa vida está depositado no Parlamento de Galicia, institución que adquiriu este material en 1997 e que, unha vez catalogado, pono a disposición dos investigadores e persoas interesadas na súa consulta.

Neste escenario, Santalices reiterou a dispoñibilidade absoluta do Lexislativo galego para facilitar o acceso aos fondos bibliográficos e documentais co fin de favorecer o coñecemento dunha figura crave na historia da lingua e a cultura de Galicia.

FONDOS

A que no seu momento foi biblioteca persoal de Ricardo Carvalho Calero está catalogada desde o ano 2012 e integrada por 4.872 volumes e 197 titulos de revistas. A maioría dos libros gardan relación coa literatura e a lingüística, disciplinas nas que se centrou o labor profesional de Carvalho Calero, que foi o primeiro catedrático de lingua e literatura galega da Universidade de Santiago; conta, ademais, con obras de historia ou filosofía.

Esta biblioteca pode resultar especialmente interesante para os investigadores que traballen no campo da lingüística e a literatura galegas. Inclúe unha moi completa colección de obras de autores galegos desde o século XIX ata a década dos 80 do século pasado, entre as que se atopan gran cantidade de primeiras edicións, coleccións completas e obras de edicións esgotadas que no seu momento tiveran edicións de moi reducida tirada. Destacan tamén primeiras edicións de autores da Xeración do 27.

O Parlamento de Galicia custodia tamén o arquivo persoal de Carvalho Calero, descrito en case 3.500 entradas catalográficas. Por agora, a visualización e descarga deste material está reservada á Intranet do Parlamento, pero é intención da Cámara facilitar o acceso universal e aberto aos diferentes materiais a medida que se dispoña de autorizacións ou que os documentos pasen a ser de dominio público, o que non impide a súa consulta na sede parlamentaria.

CARTAS E MANUSCRITOS

Este fondo documental está integrado por material diverso no que se inclúen manuscritos do propio autor e case 4.000 cartas, entre as que se atopan escritos de Fernández del Riego, Montero Díaz, Parga Pondal, Ramón Piñeiro, Otero Pedrayo, Tomás Barros, Álvarez Blázquez, Rodrígues Lapa ou Sebastián Martínez Risco.

O Parlamento de Galicia custodia tamén a biblioteca dos irmáns Antón e Ramón Villar Ponte (os dous foron escritores e xornalistas) e a da escritora Elena Quiroga e o marido desta, Dalmiro da Válgoma. O catálogo desta colección, do mesmo xeito que o catálogo xeral da biblioteca do Parlamento, pode consultarse a través da web da institución. Os investigadores e outras persoas interesadas en consultar o material deben desprazarse fisicamente á sede da Cámara, previa autorización de acceso á Biblioteca da institución.

O exhaustivo labor de catalogación destes arquivos e bibliotecas e a dixitalización dos arquivos implicou un intenso traballo. O labor foi dirixido polos servizos do Parlamento e contou coa participación activa dos bolseiros seleccionados ao amparo da convocatoria da Cámara para a formación práctica de arquiveiros, bibliotecarios e documentalistas. Previamente, fíxose unha primeira clasificación e descrición xeral da documentación e material bibliográfico que integra estas coleccións.

Miguel Santalices xunto co alcalde de Santiago e a concelleira Mercedes Rosón. PARLAMENTO DE GALICIA
Miguel Santalices xunto co alcalde de Santiago e a concelleira Mercedes Rosón. PARLAMENTO DE GALICIA | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 1 comentario

1 Daniel

"Quen o tiñan desterrado agora falan ben del"